Camariñas, A Laracha, Vimianzo e Muxía solicitan dous obradoiros de emprego para corenta persoas

Formarán a profesionais para os sectores con maior demanda // O orzamento das dúas iniciativas superará os 1,3 millóns de euros

O goberno local de Muxía presentou a solicitude conxunta do obradoiro que terá sede en Vimianzo

O goberno local de Muxía presentou a solicitude conxunta do obradoiro que terá sede en Vimianzo / Concello de Muxía

Redacción

Mellorar a empregabilidade e formar a profesionais en sectores con demanda de traballadores cualificados son os obxectivos dos novos obradoiros de emprego proxectados polo Concello de A Laracha e, de xeito conxunto, polos de Camariñas, Muxía e Vimianzo. Iniciativas que, de contar con respaldo financeiro da Xunta de Galicia, permitirán formar a un total de corenta alumnos-traballadores.

O Concello de Muxía exerce este ano como entidade promotora dun proxecto orzamentado en 564.629 euros que, de ser aprobado, será o quinto que desenvolvan conxuntamente os tres concellos nos últimos tres anos, e permitirá contratar a vinte persoas como alumnado-traballador, ademais do equipo directivo e docente encargado da xestión. Actualmente aínda está operativo o Obradoiro Dual Camiño ao Emprego 2022, con sede en Vimianzo.

Pola súa banda, A Laracha aspira a desenvolver o oitavo obradoiro dual de formación e emprego, que tería unha duración de doce meses. O obxectivo é formar a dez profesionais na especialidade de carpintería e moble e outras tantos na de operacións básicas de revestimento lixeiro e técnicas de construción. Unha iniciativa que permitirá ademais reformar o interior dos centros socioculturais de Erboedo, incluíndo a adaptación dos accesos, e de Cumiáns (Montemaior).

Tamén se contemplan actuacións de mellora no paseo fluvial do Anllóns, o peche perimetral con postes e travesas de madeira do castro de Montes Claros, a renovación do mobiliario do espazo de lecer xunto ao campo de fútbol de Vista Alegre (Soandres) e a creación do que se instalará na carballeira de San Fins.

O orzamento neste caso supera os 750.000 euros. Dende a administración local sinalan que as vinte persoas quedarían vinculadas ao Concello cun contrato de formación.

Por outra banda, ademais de acceder a unha remuneración económica durante doce meses e de realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza, ao completar a formación os participantes recibirán o certificado de profesionalidade.