Entrevista | José Ramón Romero Alcalde electo de Boiro, do PSOE

“Agora, con maioría absoluta, somos máis mans e poderemos traballar de xeito máis folgado”

O alcalde electo do Concello de Boiro, José Ramón Romero

O alcalde electo do Concello de Boiro, José Ramón Romero / PSOE

Como valora os resultados das eleccións que lle deron a maioría absoluta tras gobernar en minoría?

Foron uns resultados moi bos, froito sen dúbida do gran traballo da anterior lexislatura. Foi un mandato complicado, onde non nos puxeron as cousas nada fáciles, pero soubemos traballar con cabeza, escoitando as demandas dos veciños e veciñas e traballando polo beneficio de Boiro e dos boirenses. Está claro que a veciñanza viu iso e que nos quixo dar o seu apoio para seguir traballando no mesmo camiño.

Cales son os seus principais proxectos para a nova lexislatura?

Queremos seguir traballando na mellora dos servizos. A pandemia do coronavirus que pasamos deixou de manifesto que as obras están moi ben, pero que os servizos son imprescindibles, e queremos seguir potenciando os servizos sociais e a educación. Temos proxectos para esta lexislatura encamiñados a fomentar o asentamento de poboación con medidas de conciliación que nos permitan superar a barreira dos 20.000 habitantes e obter máis fondos do Estado para infraestruturas e servizos. Queremos potenciar tamén o emprego, favorecendo a formación e a creación de empresas coa dotación de máis chan industrial. Por outra banda, teño xa os proxectos para, cando dispoñamos de financiamento, rehabilitar todas as edificacións do Pazo de Goiáns, toda vez que xa se rehabilitaron a vivenda e a torre e que se fará xa o mesmo coa capela.

Como será a distribución de áreas do seu goberno?

Aínda estamos a traballar na configuración do novo goberno e están por determinar as áreas que levará cada concelleiro. Agora somos máis mans e podemos traballar dunha forma máis folgada que antes.

Cal foi a iniciativa bloqueada ata agora pola oposición que retomará de inmediato?

Temos varias propostas que foron quedando no tinteiro, como son a aprobación dos orzamentos de 2023 e retomar outros temas, como a Ordenanza de Circulación, que se levou a pleno ata tres veces e que a oposición votou en contra.

Boiro vai ter un novo polígono ou vaise ampliar o actual?

A necesidade de chan industrial, non só en Boiro, senón na comarca, é un problema que debemos atallar canto antes. O polígono boirense ten a vantaxe de que, pola súa orografía, ten capacidade de medrar, e estamos a dar pasos nesa liña para dispoñer de novo chan industrial.

Ten prevista a construción dunha residencia da terceira idade?

Por suposto, traballamos para lograr en Boiro unha residencia pública da terceira idade. Ese é o noso gran compromiso coa veciñanza de Boiro para os vindeiros catro anos.

É un dos piares do noso programa electoral e un dos nosos principais obxectivos de cara a esta lexislatura. Temos os terreos e temos un anteproxecto, pero o Concello de Boiro non ten as competencias nin conta co financiamento necesario para a construción da residencia. Estamos a disposición da Xunta de Galicia para cando a conselleira de Política Social e Xuventude queira escoitar as demandas de Boiro e poñernos a traballar da man para a construción desa residencia. Non imos desistir ata que sexa realidade.

Haberá cambios no tocante ás dedicacións exclusivas no goberno?

Boiro é un municipio moi grande e con moita actividade; dúas persoas solas non poden xestionar un Concello como este, e calquera que estivera aquí dentro sábeo, xa que require dun gran sacrificio persoal. Se queremos facer as cousas ben e cumprir coa veciñanza precisamos máis mans para traballar.

Vai reabrir a emisora municipal Radio Boiro?

Temos un proxecto moi bonito e ilusionante para Radio Boiro e que moi pronto verá a luz de man do grupo de voluntariado Turbina.