García Negro achéganos á Rosalía pioneira do feminismo e o ensaio

A profesora presentou na Casa da Matanza en Padrón o seu libro 'O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo', o primeiro anexo da revista de estudos sobre a poetisa de 'Follas novas'

"O meu interese pola autora central da nosa literatura vén de vello", di a estudosa

Pola esquerda, Anxo Angueira, Pilar García Negro e Xosé Luís Axeitos, na presentación

Pola esquerda, Anxo Angueira, Pilar García Negro e Xosé Luís Axeitos, na presentación / Fundación Rosalía

O auditorio da Casa-Museo de Rosalía acolleu este martes a presentación do Anexo nº1 da revista de estudos rosalianos Follas Novas: a obra O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de Pilar García Negro. Nel, a profesora, política e estudosa da poetisa fai unha profunda reflexión sobre o papel de Rosalía de Castro como pioneira do feminismo galego e como a escritora que inaugurou o ensaio na literatura galega contemporánea.

O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo é a segunda edición dun libro que xa foi premiado co Vicente Risco de Ciencias Sociais no ano 2010 e pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Segundo se lembrou onte, o interese de Pilar García Negro por Rosalía de Castro vén de moi lonxe, e na introdución do libro do que agora publican a segunda edición lembra a autora como a principios da década dos anos 80 as mulleres da Asemblea Popular da Nación Galega, do BNG, formación na que ela sempre militou e traballou en distintos cargos políticos nas últimas décadas, sacaron unha publicación titulada Rosalía de Castro: a primeira feminista da Nación Galega.

No acto da Casa da Matanza, García Negro agradeceu que a Fundación que leva o nome da súa admirada escritora elixira o seu libro como primeiro anexo da revista, e afondou en que seguirá traballando para dar a coñecer a obra de Rosalía “en lugares e para públicos diversos”.

Alén da autora, participaron no acto celebrado onte en Padrón o director da revista, Xosé Luís Axeitos, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.

Precisamente o responsable de Follas Novas, Xosé Luís Axeitos, no prólogo do que xa se converteu no número un dos Anexos de Follas Novas, que aspira, como o seu nome e significación etimolóxica apuntan, a ampliar e completar os horizontes de diálogo coa obra de Rosalía, explica sobre o estudo da profesora García Negro que “o meu interese toma como obxectivo a análise dos elementos paratextuais da obra de Rosalía, títulos, prólogos e dedicatorias das obras máis importantes, nomeadamente”. “Nesta elección, que fixa a atención en textos considerados menores, comeza a novidade do traballo que presenta unha faceta reflexiva e crítica apenas contemplada da poeta”, engade o director.

Segundo explica, “os textos, no seu conxunto, esbozan principios e preocupacións moi pouco frecuentados pola cultura da época”.

Así, argumenta que “desta preocupación e principios que amosan os textos estudados xorden as máis relevantes conclusións esbozadas polo estudo da obra que presentamos. En primeiro lugar, a incorporación de Rosalía a un xénero, o ensaio, sen modelos galegos inmediatos que a guíen; e, en segundo lugar, o que ten a ver co espertar dunha conciencia específica de xénero, como muller, como galega, como escritora”.

Compromiso co país

“Sen dúbida, Rosalía na procura de síntese epistemolóxica, de relación entre o que outros pensadores verían como oposto e negativo na cultura e na literatura, está esbozando unha particular e novidosa teoría da literatura como un todo, anticipando así un concepto de compromiso cívico necesario para un país que quería ser libre”, relata Axeitos.

Neste senso, asegura que “non renuncia nesta liña a autora a propor unha síntese poética que formula unha interrogación que, de maneira substancial, queda respostada nos textos ensaísticos propostos como análise pola profesora García Negro”, conclúe Axeitos, non sen esquecer os versos que propón de Rosalía a autora do traballo para a súa reflexión e meditación sobre a figura da poetisa: “Daquelas que cantan as pombas e flores /todos din que teñen alma de muller/ Pois eu que n’as canto, Virxe da Paloma, ¡ai! De que a terei?”.