Veinticinco municipios do interior de Área recibirán axudas para contratar socorristas

Prestarán servizo en piscinas e praias fluviais

A Diputación coruñesa outorgou 153.581 euros para veintitrés concellos

E a Xunta concedeu máis de 15.000 € a Silleda e Lalín

Redacción

A Deputación da Coruña fixo públicas este luns no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión definitiva das subvencións para os servizos de socorrismo en concellos do interior da provincia, que suporán un investimento de 304.342,24 euros para 44 concellos coruñeses.

A través desta liña de axudas, a Deputación financiará os salarios dos socorristas que traballarán este verán nas piscinas, praias fluviais e outros espazos acuáticos municipais coma o Aquapark de Cerceda ou o lago das Pontes. As achegas da Deputación van desde os 5.200 aos 9.900 euros, segundo as necesidades estimadas por cada concello. As contratacións estenderanse por un máximo de tres meses.

Este programa, que se convoca cada ano, contribúe a xerar emprego durante a época estival e a manter a seguridade das persoas usuarias das piscinas públicas e praias fluviais da provincia da Coruña.

No ámbito de Área os concellos beneficiarios son os de A Baña (6.095,81 €), Ames (9.129,38 €), Boqueixón (6.095,81 €), Brión (6.179,32 €), Coristanco (8.311,79 €), Frades (8.101,37 €), Lousame (6.095,81 €), Mazaricos (6.095,81 €), Melide (8.311,79 €), Negreira (8.311,79 €), Oroso (6.179,32 €), Padrón (6.179,32 €), Rois (6.095,81 €), Santa Comba (6.179,32 €), Teo (9.129,38 €), Tordoia (6.095,81 €), Touro (6.095,81 €), Trazo (6.095,81 €), Val do Dubra (6.095,81 €), Vedra (6.179,32 €), Vimianzo (6.179,32 €), O Pino (8.722,00 €) y Zas (8.722 €).

Pola súa banda, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vai financiar a contratación de 11 socorristas para a próxima campaña de verán en seis concellos das comarcas de Deza e Tabeirós-Montes ao abeiro da orde de axudas para o fomento do emprego e a mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais.

A concesión destas axudas vén de notificarse aos concellos beneficiarios e que nestas bisbarras ascenden a 40.373 euros. Así, o departamento autonómico aprobou dúas axudas de salvamento a prol do Concello de Agolada para a praia fluvial por importe de 7.280 euros e outras tantas para financiar o servizos de socorrismo nas piscinas de Lalín (7.040 euros), Silleda (7.978 euros), Rodeiro (7.275 euros) e Forcarei (7.160 euros), mentres que no caso de Dozón subvencionarase unha única contratación (3.640 euros). En todos os casos, subvenciónase a contratación por espazo de dous meses.

“A seguridade no verán, especialmente en espazos acuáticos como praias e zonas fluviais ou recintos municipais como as piscinas, é fundamental para seguir mantendo a Galicia como destino seguro e por iso dende a Xunta colaboramos moito cos concellos para que se doten de profesionais axeitados”, sinalaron dende a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

ZONA COSTEIRA

Por outra banda, o pasado día 14 de xuño, o Goberno autonómico anunciou tamén un investimento nas comarcas da Coruña, Santiago, Costa da Morte e Barbanza de máis de 454.000 euros para apoiar en trinta e catro concellos coruñeses a contratación de máis de cento vinte e sete desempregados e desempregadas para a vixilancia das praias e espazos fluviais ou piscinas municipais.

Os contratos nestas áreas terán unha duración de tres meses -no caso de que sexan a tempo completo- ou de seis meses para os de tempo parcial con contías que irán dos 1.555 euros aos 2.700 euros segundo o grupo de cotización das persoas contratadas por cada concello.