Área concentra o 16% dos espazos para as autocaravanas en Galicia

Están distribuídos por dezasete concellos da contorna

A Comunidade galega é, despois de Andalucía, a que oferta máis puntos de servizos para estes turistas

O presidente de AGA asegura que “é un sector que medra”

Autocaravanistas asociados a AGA en una de las concentraciones que organiza la asociación en Galicia

Autocaravanistas asociados a AGA en una de las concentraciones que organiza la asociación en Galicia / AGA

O turismo de autocaravanas experimentou un notable auxe nos últimos anos e con el a demanda de espazos e servizos para atender as necesidades destes viaxeiros. Galicia é, despois de Andalucía, a comunidade que máis áreas de estacionamento ofrece aos autocaravanistas, superando actualmente as 130, das cales o 16%, unhas 21, atópanse distribuidas por dezasete municipios de Área.

Na contorna de Santiago, o Concello de Ames conta con dúas, unha en Bertamiráns e outra na Travesía do Porto, no Milladoiro. A Estación de Servizo Os Ánxeles tamén ofrece cambio de servizo de augas gratis a partir dun consumo mínimo de 25€ nas súas instalacións; Negreira dispón dunha na rúa Castelao; Padrón, outra na Travesía da Feira; Melide habilitou unha no Campo da Feira; e en Teo, contan cun espazo para autocaravanas no Fogar de Santiso, segundo datos recollidos na web de Turismo de Galicia.

Pola súa banda, na comarca de Barbanza, Boiro dispón de dúas áreas, unha no areal de Mañóns e outra en praia Xardín; Carnota dispón doutra na carretera de acceso á praia de Boca do Río; Portosín conta con unha no Real Club Náutico; e en Noia, o Eroski dispón tamén dun espazo para dar servizo a estes turistas. En Ribeira teñen previsto habilitar catro áreas: Coroso, Fontán, Aguiño e Ameixida, pero os proxectos seguen no caixón porque non se aprobaron os orzamentos municipais. Non obstante, e ante a falta destas zonas, os autocaravanistas fan uso uso do aparcamento do IES Número Uno de Coroso, a pesares de non estar adecuado para tal fin.

Na Costa da Morte, A Laracha conta con dous espazos habilitados para autocaravanistas en O Regado e Xermaña (Caión); Muxía ten un na praia da Cruz, á entrada da vila da Barca; Fisterra oferta outra na capital local (de xestión privada); Ponteceso dispón dunha na Avenida de Bergantiños, ao carón do Centro Cultural e do Museo Etnolúdico de Galicia; Vimianzo inaugurou o pasado ano unha área nas proximidades do campo de fútbol; e en Cee, a estación de servizo Bazarra tamén ofrece servizos a estes vehículos.

Ademais de contar cunha ampla oferta de áreas para estes vehículos, a Asociación Galega de Autocaravanistas (AGA) é a máis importante de España, xa que conta cun total de 763 socios, segundo confirmou o seu presidente Manuel Fernández-Arruty. A entidade agrupa aos galegos e galegas, pero conta tamén con asociados de León, Asturias e outros puntos de España que fan turismo en Galicia. “A nosa Comunidade é un referente para o autocaravanista e un destino que engacha a xente. Aqueles que veñen unha vez volven seguro”, afirma.

Manuel Fernández-Arruty, presidente da asociación galega / AGA

Manuel Fernández-Arruty, presidente da asociación galega / AGA / JOSÉ M. RAMOS

O colectivo, que naceu no ano 2006, ten como principal obxectivo “seguir reforzando a imaxe do autocaravanismo, que segue a ser unha modalidade de turismo emerxente e que vai continuar medrando nos vindeiros anos”, segundo o presidente de AGA. Unha idea que reforza en base aos datos e á evolución doutros países como Alemania “onde se venden dez veces máis autocaravanas que en España, ou en Francia, onde as vendas son seis veces superiores, e esta é a tendencia que se espera tamén aquí”, engade. De feito, segundo Fernández-Arruty, “actualmente hai máis demanda que oferta de autocaravanas, en parte polos problemas de produción debido á escaseza de microchips, e actualmente, de media, a espera por unha autocaravana nova é dun ano”.

En paralelo, medra tamén a demanda destes vehículos en réxime de alugueiro, aínda que a maioría dos autocaravanistas seguen optando pola compra “porque son xente que viaxa ao longo de todo ano”, subliña o presidente de AGA.

Quenes optan polo alugueiro son principalmente “xente que quere probar e tamén aquelas persoas que non dispoñen de tempo para viaxar e que só fan uso da autocaravana un limitado número de días ao ano”. Pola súa banda, os autocaravanistas habituais responden a dous perfís maioritarios: “persoas xubiladas, que teñen moito tempo para viaxar en calquera época do ano, e familias con nenos pequenos”, afirma.

Autocaravanas con matrícula extranjera estacionadas durante la jornada de ayer en el aparcamiento de Salgueiriños / ANTONIO HERnÁNDEZ

Autocaravanas con matrícula extranjera estacionadas en el aparcamiento de Salgueiriños / ANTONIO HERNÁNDEZ

Así mesmo, dende AGA traballan para acabar co prexuízo de que “o turista que viaxa en autocaravana non gasta nos lugares que visita, e iso non é certo, pois consumen e fan as súas compras alí onde van, e o único que os diferenza dos demais é que non invisten en aloxamento”.

Outro dos retos da Asociación Galega de Autocaravanistas, na súa función de representación ante as distintas administracións, “é conquerir que a xente coñeza mellor toda Galicia, xa que a nosa Comunidade ofrece múltiples oportunidades para esta modalidade turística, e iso evitaría a concentración de autocaravanas en determinadas zonas de praia”, indica o seu presidente.

Ademais, engade, esa mellora do coñecemento das posibilidades que ofrece Galicia contribuiría a avanzar na desestacionalización turística, algo que “xa é unha característica do autocaravanismo, pois os que practicamos esta forma de viaxar facémolo ao longo de todo o ano”. Non obstante, Manuel Fernández-Arruty considera que se pode facer máis neste eido “creando novas rutas” para que estes turistas poidan coñecer toda a xeografía galega e gozar da súa variada riqueza patrimonial, tanto a nivel histórico como cultural, paisaxístico e tamén gastronómico. A asociación xa organiza expedicións pola Ruta dos Pazos e pola contorna de espazos vinculados a denominacións de orixe vinícolas, entre outras, “pero poderíanse facer e promocionar moitas máis”.

O presidente de AGA pensa que se debería de aproveitar máis o paso de autocaravanistas do norte de Europa, “que baixan en abril e maio cara o Algarve ou o norte de Marrocos, e que suben en setembro e outubro, de xeito que vexan en Galicia un punto onde poder pasar tamén un tempo e non só un lugar de paso”.