Concertos, catas, proxeccións e roteiros ao redor do festival A Revolta do Umia en Cuntis

Celebrarase os días 25 e 26 en Vilar de Mato

Haberá xantar popular e actividades á beira do río, incluíndo tirolina

Actuarán 18 grupos de Galicia, Barcelona, Madrid e Portugal

Integrantes do grupo de música pop con influencias folk Eladio y los seres queridos, que actuará en A Revolta do Umia o sábado 26 / a revolta do umia

Integrantes do grupo de música pop con influencias folk Eladio y los seres queridos, que actuará en A Revolta do Umia o sábado 26 / a revolta do umia / suso souto

O mes de agosto chegou ao seu ecuador e, con el, tamén o verán. Pero en Galicia aínda quedan algunhas citas importantes para a troula. Unha delas e o festival A Revolta do Umia, que terá lugar os vindeiros días 25 e 26 na localidade de Vilar de Mato, en Cuntis.

O venres 25, dende as 19.45, actuarán Bellvitge (Barcelona), Pants Off, Solar Corona (Portugal), Loita Amada, Fillas de Casandra, Aphonnic, Ícaro e Xaby DJ. E, o sábado, dende as 19.30, Igloo, Eladio y los seres queridos, Mundo prestigio, Dharmacide (Madrid), Dani, Copa turbo, Gator the alligator (Portugal), Ortiga, Monoulious Dop e Duendeneta.

Pero A Revolta do Umia é moito máis que música. O venres ás 13.00 horas haberá unha Cata Sonora; a través de Lugardelvino, os asistentes poderán degustar catro viños galegos coa maridaxe da música de Loita Amada nun mazadoiro dunha das casas da aldea: un ambiente único debaixo dunha viña e cunhas vistas incribles. O prezo é de 22 euros.

Ás 14.00, nunha das casas vellas de Vilar de Mato, proxectaranse de balde as curtas gañadoras do Festival LAV.MOV de Vedra. E a partir das seis da tarde, tras a apertura de portas do festival, no escenario principal proxectaranse videoclips musicais, entre eles os de algúns grupos que en edicións anteriores participaron nesta cita.

As actividades do sábado comezarán ás 10.00 horas cunha andaina que percorrerá a ruta de sendeirismo da senda peonil da Ponte do Ramo, pola beira do río Umia, parando en varios muíños restaurados e zonas de lecer, e chegando ao xacemento arqueolóxico dos petróglifos de Cequeril. Hai dúas variantes da ruta, pero en ningún caso leva máis de dúas horas e media. Aínda que a actividade está dirixida a todas as persoas, en caso de mobilidade reducida, prégase contactar coa organización. Ás 11.00 horas terá lugar un pasarrúas do grupo de música tradicional galega Hai que Roelo, tentando involucrar no festival á xente maior e a todos os habitantes da contorna que senten deste xeito o festival como propio.

Ó mediodía, DJ Moe dirixirá un obradoiro infantil gratuíto, con prazas limitadas, no que os máis cativos de ata 16 anos poderán aprender dun DJ profesional as claves para poder mesturar música electrónica, descubrindo así os dispositivos e tecnoloxías requiridas.

Ás 12.30, a Fundación Terra Termarum Castrolandín impartirá un obradoiro de cerámica castrexa, na que os asistentes poderán experimentar na creación de cerámica dun xeito artesanal. O obradoiro é gratuíto, con reserva e prazas limitadas.

Ás 12.45 haberá un obradoiro para aprender a preparar un café de máquina da máxima calidade; entregarase o Premio ó Labor da Defensa do Medio Ambiente á Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo; e haberá sesión vermú con Igloo, Eladio y los seres queridos e Duendeneta.

Ás 15.00 celebrarase un xantar popular, con polbo e churrasco e, tras el, os asistentes gozarán de actividades de ocio á beira do Umia, con tirolina sobre o río (16.30) e dun obradoiro de baile tradicional e percusión.

E, tras dous días de traballo, os grafiteiros rematarán as súas obras.