Dúas plantas de aforro de caudal permiten a Carballo monitorizar as captacións nos ríos en plena seca

O servizo está garantido, pero a maior parte do abastecemento faise dende o Bardoso ante a delicada situación do Anllóns

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, esquerda, observando o estado do cauce do río Anllóns

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, esquerda, observando o estado do cauce do río Anllóns / c. de Carballo

redacción

O Concello de Carballo apela á colaboración da cidadanía para reducir o consumo de auga ante a persistente seca. Tan pronto como Augas de Galicia activou a prealerta por escaseza de caudal no río Anllóns, responsables técnicos e políticos do Concello celebraron unha xuntanza na que se acordou establecer unha serie de restricións que afectan os servizos públicos: eliminar os baldeos agás por causa xustificada; pechar todas as fontes ornamentais; intentar reducir ao máximo os consumos municipais; e implantar un plan de regas das zonas verdes que reduce as frecuencias ao máximo en función das necesidades.

O goberno municipal está en comunicación permanente coa empresa concesionaria do servizo de xestión integral do ciclo da auga para coñecer a situación en cada momento, da que se informa puntualmente a Augas de Galicia, por se fose preciso aplicar as medidas que están previstas no Plan Municipal de Emerxencias contra a Seca.

O alcalde, Evencio Ferrero, acompañado pola enxeñeira municipal, Lorena Castrillón, e polo xefe de servizo e director de operacións de Gestagua en Carballo, Benigno López, fixo un percorrido polas canles dos ríos Anllóns, Bardoso e Grande para ver en que situación se atopan.

O Anllóns é o que leva menos auga. Por iso, o municipio de Carballo xa se abastece na súa maior parte da captación do Bardoso. A existencia dunha dobre captación é a garantía da prestación do servizo á cidadanía. Ademais, dentro do Proxecto Anllóns-Bardoso, no que se investiron máis de catro millóns de euros, instaláronse dúas estacións de aforro de caudal augas arriba das dúas captacións existentes, o que permite saber canta auga levan o Anllóns e o Bardoso e canta se pode captar de cada un deles en cada momento.

“A dobre captación favorece o río Anllóns e tamén os concellos situados augas abaixo”, dixo o alcalde.

Ferrero aludiu tamén ás dificultades que poidan atravesar as traídas privadas, como ten ocorrido nos últimos anos. Nese sentido, Protección Civil encargarase de encher os depósitos veciñais se fose preciso.