A Laracha suspende as regas e pecha as duchas en Caión pola escaseza de auga no río Anllóns

Redúcese ao mínimo a limpeza de rúas e prohíbese o enchido de piscinas

Carballo busca fugas nas redes e reaxusta os aspersores

Probas feitas con drons en febreiro no río Anllóns para recompilar datos sobre o cauce fluvial

Probas feitas con drons en febreiro no río Anllóns para recompilar datos sobre o cauce fluvial / xunta

Ante a activación por parte de Augas de Galicia da prealerta por escaseza de auga moderada no sistema de abastecemento do río Anllóns, e unha vez solicitado o informe á empresa concesionaria (Viaqua) da xestión do servizo de abastecemento para coñecer a realidade actual da zona de captación, o Concello da Laracha adoptou medidas preventivas para reducir os consumos.

Así, acordouse suspender a rega nas zonas verdes públicas e o servizo de duchas na praia de Caión, e reducirase ao mínimo imprescindible o emprego de auga na limpeza de rúas. Do mesmo xeito, quedou prohibida no termo municipal a limpeza de vehículos (coa excepción das empresas dedicadas a esta actividade) e o enchido total ou parcial das piscinas particulares.

O Concello fixo un chamamento á cidadanía para un consumo responsable da auga, solicitando que tamén se tomen medidas de aforro de auga na vida cotiá. Neste sentido, nas redes sociais municipais compartiuse un documento con consellos para un consumo responsable.

Pola súa banda, en Carballo a brigada municipal de xardíns está a contribuír á redución do consumo de auga cunha minoración das frecuencias e cunha adaptación dos tempos de rega nas zonas verdes.

A implantación da medida faise de xeito progresivo e en función das características de cada espazo axardinado. Nas sendas ciclo-peonís desconectáronse temporalmente os sistemas de rega, e no resto dos espazos limitaranse a 2 ou 3 días á semana, agás en puntos moi concretos nos que é preciso un aporte de auga diario. En función de evolución de cada una das zonas verdes, e tamén da seca, decidirase o mantemento, a redución ou a ampliación das frecuencias e dos tempos de rega.

O Concello realiza unha revisión constante das incidencias na rega, especialmente fugas ou axustes no alcance dos aparellos de rega (aspersores e difusores) de xeito que non reguen fóra da zona axardinada, e redúcese a frecuencia das segas para que o céspede reteña mellor a auga e o estrés hídrico por regar de forma máis esporádica sexa inferior.