DesOrdes Creativas presume cuns novos murais que melloran a estética ordense

Xa se pode desfrutar do traballo de Doa Oa no Camiño do Vilar; de Prater a pé de Fonte Estrei; Fabre na rúa Galicia; Mr Difuz no colexio Castelao; e GLeo en Viriato Lamas

Alba Fabre deixou esta obra de arte nun dos muros da vella fábrica de Viriato / Bastián Rodríguez

Alba Fabre deixou esta obra de arte nun dos muros da vella fábrica de Viriato / Bastián Rodríguez / M. Manteiga

DesOrdes Creativas, o festival internacional de arte na rúa que se celebra cada ano en Ordes, vén de rematar a edición 2023 con dous fitos. Por un lado, superar os cen murais nas paredes dos inmobles da vila e contorna. E, por outra, coroarse dende 2008 como referente a nivel galego e nacional do que a arte pode facer por unha poboación. Comezou como un festival de cultura urbana, o Brincadeira, no que a organización xiraba ao redor do grupo Dios Que Te Crew, e ahora do colectivo Mutante Creativo. E da calidade dos artistas dan fe tanto a bagaxe como o cartel con obras da galega Doa Oa, o estadounidese Zane Prater, GLeo (Colombia), o francés Difuz e Alba Fabre (Catalunya).

Doa Oa levou os seus pinceis ata O Vilar / Bastián Rguez.

Doa Oa levou os seus pinceis ata O Vilar / Bastián Rguez. / M. Manteiga

Fíxose, ademais, un percorrido cando as obras estaban xa pra rematar, pero agora xa se pode desfrutar delas en todo o seu esplendor. Así, Doa Oa elexiu o entorno do Camiño do Vilar (na planimetría aparece como Cam B). Segundo a organización, é unha das principais figuras do muralismo galego e tamén estatal, cunha extensa traxectoria e ampla experiencia. Ademais, ten participado en numeros proxectos e e eventos de muralismo e arte urbana ao redor do globo nos últimos anos e é pra nos unha axente rexeneradora do espazo público super necesaria. Hai xa uns anos descubriu a posibilidade de axudar ao reino verde a recuperar o espazo perdido, e é nese momento cando empeza o seu proxecto Reforestando, pensado por e para a transformación do espazo público a través da arte cunha evidente temática vexetal (e en torno a vinca).

Prater pintou no 16 de Fonte Estrei / B. Rodríguez

Prater pintou no 16 de Fonte Estrei / B. Rodríguez / M. Manteiga

Pola súa banda, o norteamericano Zane Prater botou man dun inmoble entre a rúa Fonte Estrei e Afonso Senra. Preséntano coma “un artista visual orixinario de Denver, Colorado” que, tras formarse como pintor figurativo clásico na Academia de Arte de Barcelona, traballou principalmente co debuxo e a pintura ao tempo que crea instalacións terrestres e murais públicos a gran escala. A súa obra une a ilustración botánica, a arte visionaria, o retrato e o deseño para falar da natureza da nosa relación co mundo natural, e as súas imaxes “enganchan coas narracións mitopoéticas que temos sobre os nosos roles individuais e colectivos nas paisaxes que habitamos, buscando establecer conexións e atopar harmonías entre o urbano e o orgánico”, subliña Mutante Creativo.

A disposición de Alba Fabre puxéronse os muros da vella fábrica de Viriato, na rúa Galicia-Piñeiro. Desta catalá afirman que pasou “de educadora social a artista”, e o seu traballo caracterízase por un estilo figurativo próximo, en ocasións, ao Impresionismo. As súas obras interésanse pola análise da linguaxe e os conceptos da arte clásica, reproducidas nunha pintura onde a forza e a cor son o centro da atención. Formouse no Programa de Debuxo e Pintura na Barcelona Academy of Art, onde agora mesmo traballa como mestra. E, do mesmo xeito, desenvolve a súa obra persoal no seu estudo situado tamén en Barcelona, ademáis das súas intervencións murais en múltiples proxectos e eventos de arte urbana ao redor do mundo.

Traballo de Difuz no colexio Castelao, no grupo educativo que mira á rúa Nicolás del Río / Bastián Rodríguez

Traballo de Difuz no colexio Castelao, no grupo educativo que mira á rúa Nicolás del Río / Bastián Rodríguez / M. Manteiga

Tamén mellorou a estética da vila de Ordes Mr Difuz, concretamente na contorna de Nicolás del Río (no colexio Castelao). Este francés comezou a pintar na rúa á temperá idade de 13 anos e Marsella convertiríase na súa cidade de formación, onde funda en 2001 o colectivo Ki Fait Ca? (Quén fai iso?). Dende 2013 ten participado en grandes eventos na Francia e ao redor do mundo, creando murais a gran escala, expoñendo a súa obra e colaborando con algúns artistas pioneiros nesta disciplina. E o seu traballo céntrase na investigación plástica e conceptual ao redor da condición do ser humano.

Traballo da colombiana GLeo na rúa Viriato Lamas 12 / bastián Rodríguez

Traballo da colombiana GLeo na rúa Viriato Lamas 12 / bastián Rodríguez / M. Manteiga

E por último, GLeo, artista visual natural de Colombia que propón entender a súa pintura como parte de nós, “partindo da premisa de que formamos un todo coa natureza”, tal como se pode ver xa na rúa Viriato Lamas. Ten traballos por todo o mundo, e centra a súa obra na investigación gráfica na procura dunha linguaxe sensorial universal, “na cal o seu traballo sería un punto de inflexión dentro dos espazos que habitamos a cotío”, destacan.