Camariñas, Muxía e Vimianzo potenciarán o talento e a empregabilidade de 15 mozos

Adquirirán experiencia profesional grazas a un programa conxunto promovido polos tres concellos

Realizarán estadías en sectores estratéxicos das administracións locais

Mozas e mozos que participan no programa Xuventude con talento deseñado polos concellos

Mozas e mozos que participan no programa Xuventude con talento deseñado polos concellos / c. de camariñas

Quince mozas e mozos de Camariñas, Muxía e Vimianzo verán reforzada a súa empregabilidade grazas ao programa Xuventude con talento que puxeron en marcha conxuntamente os tres concellos, e que está subvencionado pola Consellería de Política Social e Xuventude e polo Fondo Social Europeo. Está destinado a mocidade inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Este proxecto pretende reforzar a empregabilidade, as habilidades e as competencias profesionais das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo.

Os quince participantes realizarán estadías (prácticas non laborais) nas administracións locais de Camariñas, Muxía e Vimianzo en tres sectores estratéxicos: Tecnoloxías da información e comunicación, Calidade de vida e benestar e Téxtil/moda-artesanía. Ademais o programa conta con actividades complementarias como un programa formativo enfocado na mellora da empregabilidade e a identificación de ideas emprendedoras, Mentoring, visitas a empresas, orientación personalizada e accións de networking.

A primeira acción formativa serviu como carta de presentación para o alumnado así como para o fomento da creación de grupo, fundamental para o bo desenvolvemento do programa. A temática traballada foi o desenvolvemento das habilidades sociolaborais e a marca persoal como forma de xerar máis e mellores oportunidades de emprego.

O programa incorpora a orientación laboral do alumnado dende unha perspectiva innovadora, xerando novas formas de actuación e proporcionando estratexias para desenvolver ao longo de todo este proceso a creación da marca persoal.

Trabállase non só poñendo o foco de atención no nivel de empregabilidade das persoas participantes, senón tamén dende a súa propia realidade e situando no centro de atención a propia persoa e os recursos cos que conta para sacar o máximo rendemento as súas capacidades enfocadas cara un obxectivo profesional nun contexto determinado.

A segunda sesión estivo enfocada cara a coñecer os recursos e ferramentas para a busca de emprego así como na identificación das técnicas necesarias para elo, e a creación dunha estratexia individualizada que lles permita alcanzar os obxectivos de empregabilidade de cada alumno e alumna. O programa rematará o 15 de novembro.