Área acolle 26 escolas infantís da rede Galiña Azul, integrada por 147 centros en toda Galicia

A de Muxía estrea este curso as novas instalacións e incorporará o servizo de comedor

Acolle a 18 nenos

Na Comunidade galega hai uns 31.000 pequenos de 0 a 3 anos matriculados nas garderías públicas e privadas

O alcalde, en primeira fila á esquerda, e o xerente do Consorcio, coas nenas e nenos da escola infantil, acompañados de varios concelleiros

O alcalde, en primeira fila á esquerda, e o xerente do Consorcio, coas nenas e nenos da escola infantil, acompañados de varios concelleiros / Xunta

A rede de escolas infantís Galiña Azul, xestionada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, conta con 147 centros en toda Galicia, dos cales 26 están distribuídos polos municipios de Área de Compostela. Ames, Carballo e Lalín, tres dos concellos con maior poboación neste ámbito, contan con dúas escolas infantís cada un pertencentes a esta rede pública.

O resto de garderías xestionadas directamente pola Xunta atópanse en A Estrada, A Laracha, Arzúa, Boiro, Camariñas, Carnota, Coristanco, Fisterra, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, O Pino, Oroso, Ponteceso, Porto do Son, Rianxo, Rois, Silleda e Zas.

Á rede pública hai que engadir as escolas infantís que son de titularidade municipal, como é o caso de Cee e Vimianzo na Costa da Morte, e as de xestión privada. Segundo fontes da consellería de Política Social, en Galicia estímase que son 31.000 os nenos e nenas que fan uso deste servizo educativo.

Hai que sinalar que, dende o pasado ano 2022, a Xunta de Galicia ofrece educación gratuíta no primeiro ciclo de infantil en todas as escolas da Comunidade, con independencia da titularidade das mesmas.

Neste curso que acaba de comezar, a escola infantil de Muxía estreou unhas novas instalacións, deseñadas para dar resposta a unha vella demanda no municipio e para mellorar os seus servizos.

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado polo alcalde, Iago Toba, visitou este luns as novas dependencias de Muxía, tras completar o traslado ao novo emprazamento no edificio de usos múltiples de titularidade municipal. Rodríguez destacou que a nova escola ofrece “unha mellora notable das condicións nas que se desenvolve a actividade, posto que ten máis espazo, é máis accesible e está mellor adaptada ao servizo”.

As características do novo centro fan posible que a Xunta oferte este curso o servizo de comedor para as familias que o desexen. Está previsto que entre en funcionamento a partir de outubro. Neste curso están matriculados 18 nenos e nenas. O Concello foi o encargado das obras de acondicionamento do inmoble e o Consorcio investiu 31.000 euros no seu equipamento. Ademais, esta actuación completarase con melloras na zona exterior, das que tamén se ocupará a Administración local.

O alcalde, Iago Toba, asegura que “para min é un reto conseguido”. Foi, engade, “algo que tiña moita ilusión en ver feito realidade. Saldamos unha débeda histórica con este concello e coa súa veciñanza”. Lembra que investiron “moitas horas de traballo e de reunións”, ao tempo que tiveron que superar “problemas de última hora e ata trancos intencionados, pero aí está e síntome orgulloso”.

O rexedor muxián quere subliñar tamén que “esto non sería unha realidade se non tivese un gran equipo conmigo”. Agradece especialmente o labor da concelleira de Educación, Olalla Benlloch, quen, á súa vez, recalca “o intenso traballo e a colaboración das educadoras e traballadoras desta escola, pois sen a súa implicación non sería posible”. As familias e, sobre todo os nenos e nenas “merecen un espazo e un servizo como este”, engadiu a edil.

Recortes no CEIP Xesús San Luis Romero

Noelia Otero, no centro, con representantes dos pais e nais / PSOE

Noelia Otero, no centro, con representantes dos pais e nais / PSOE / J. M. RAMOS

A polémica polos recortes no CEIP Xesús San Luis Romero, de Carballo, chegou ao Parlamento da man da portavoz de Educación do PSOE, Noelia Otero, quen preguntou pola supresión dunha aula de infantil e dúas titorías, despois de reunirse con pais e nais.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, afirmou, por contra, que o colexio carballés conta este curso “con 17 docentes, un por riba de catálogo”. Sinalou ademais que hai dous mestres máis de Pedagoxía Terapéutica e un máis de Audición e Linguaxe “polo que se mellora de xeito significativo a atención ás necesidades educativas específicas de apoio”. Apuntou tamén que a nova distribución “dálle á dotación docente máis verstatilidade”.

Os pais e nais discrepan e elevaron unha queixa ante a Valedora do Pobo, e a voceira socialista incidiu en que “a decisión obvia que 9 dos 31 alumnos de Infantil teñen necesidades especiais”.