Paixón pola regueifa en Carballo cunha escola que suma xa trinta alumnos de entre 5 e 80 anos
O número de participantes duplicouse dende marzo
Recibiron clases de técnica vocal e en novembro formaranse en teatralización
En menos dun ano, a Escola de Regueifa de Carballo gañou o seu primeiro premio (á mellor falada, no Enreguéifate), duplicou o número de participantes e conseguiu que a súa presenza sexa cada vez máis demandada en todo tipo de eventos sociais. Nos últimos meses, os seus alumnos actuaron na Praza dos Libros e na II Xuntanza da Asociación As Landras de Bértoa.
“Grazas a esta iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística do Concello descubrimos que os carballeses e as carballesas temos vocación e dotes para o canto rimado, e que o relevo xeracional está asegurado”, explican dende o Concello.
Nestes momentos hai unha trintena de alumnos e alumnas que participan de xeito regular na Escola de Regueifa de Carballo, o dobre que no mes de marzo, pero as sesións están sempre abertas á participación das persoas que queiran regueifar e tamén das que queiran simplemente asistir como público.
Ademais de poñer en valor a regueifa e de contribuír á súa preservación e difusión por distintos medios, a escola constitúe tamén unha excepcional experiencia interxeracional, xa que entre a trintena de alumnos habituais hai nenos de 5 anos e maiores de máis de oitenta.
A profesora é a regueifeira Lupe Blanco, pero para que o alumnado reciba a formación máis completa, ao longo do ano organízanse actividades complementarias, como as clases que impartiron o repentista cubano Luis Paz Esquivel, Papillo, e Suso de Xornes; o obradoiro de técnica vocal que dirixiu Gloria Pardines en setembro ou o que vai ofrecer Carmen Rey en decembro; o de teatralización da regueifa que terá lugar en novembro con Tone Martínez, de Galeatro, ou os de regueifa bailada e decoración de regueifas que realizará a Escola do Alprende.
Segundo explican dende o Concello, “unha das claves do éxito desta iniciativa é a implicación do movemento asociativo. Ademais da Escola do Alprende de Oza, a Escola de Regueifa conta coa colaboración do Casino 1889, as entidades Nemeth, As Landras e Ría de Lema ou o Conservatorio Profesional de Música”.
Temas
Más en Área
-
Heridas dos personas este mediodía al caerse de sus caballos casi en el mismo lapso en Vedra y Mesía
-
O festival Rockin Carballo reúne a sete grupos e artistas de catro países o vindeiro sábado día 22
-
Un incendio afectó al cuadro eléctrico de una sauna en el polideportivo de Touro
-
Cae en Ames una banda a la que acusan 30 robos en coches y viviendas de toda la comarca compostelana