O PP de Muxía denuncia o alcalde por malversación e prevaricación

A Fiscalía deu traslado da mesma ao Xulgado

Iago Toba di que “como non son capaces de gañar nas urnas inténtano nos tribunais”

Iago Toba, no centro, cos concelleiros Javier Romar e Olalla Benlloch

Iago Toba, no centro, cos concelleiros Javier Romar e Olalla Benlloch / c.

A tensión e o enfrontamento político entre goberno (PSOE) e oposición de Muxía trasládase agora aos xulgados, logo de que, a raíz do último pleno, saíse á luz unha denuncia interposta polo PP contra o alcalde, Iago Toba, por uns presuntos delitos de fraude, malversación e prevaricación. Unha denuncia que, segundo a voceira popular, Sandra Vilela, xa fóra remitida no verán de 2022 á Fiscalía e que ésta lle trasladou ao Xulgado de Corcubión en febreiro deste ano, “pero aínda non temos constancia de que fose admitida a trámite”. O fondo da cuestión, segundo Vilela, son as “continuas irregularidades” nos procesos de contratación “sen que se fagan as correspondentes licitacións públicas, tal e como é preceptivo”.

Un proceso que, engade, no caso do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) vén “repetíndose dende hai 7 anos, xa co anterior goberno, sen que se faga unha licitación do mesmo”. Esto provoca “continuos reparos de intervención, ou que o goberno teña que recorrer a continuos recoñecementos extraxudiciais de crédito”. Ademais, a situación derivou en atrasos nos pagos das nóminas ás traballadoras que prestan o servizo.

Asemade, segundo a voceira do PP, este modelo de xestión repítese “noutros casos, como a contratación dos alumeados de Nadal ou os servizos do Mercado das Rutas do Mar, entre outros”. Todo iso foi o que motivou ao PP a denunciar a situación ante a Fiscalía.

O alcalde, Iago Toba, asegura non ter “constancia nin comunicación algunha” da referida denuncia. O que está pasando, engade, “é un tópico dos reiterados perdedores: o pobo non me quere, o pobo non me vota, o pobo non se fía de min, pois intentamos coa Xustiza o que non conseguimos nas urnas”.

Afirma ter “a conciencia tranquila, xa que sempre actuei dentro da legalidade, e no caso de ser citado pola autoridade xudicial poreime á súa disposición, porque creo na Xustiza”. Agradece ademais o “apoio abrumador dos meus veciños e veciñas, da miña familia, do equipo de goberno e dos compañeiros de partido”.

Apoio dos socialistas

A este respecto hai que sinalar que as agrupacións do PSOE comarcal e provincial fixeron público un comunicado de apoio a Toba no que acusan ao PP de “bloqueo constante para tratar de deixar a localidade sen servizo de axuda no fogar”.

Consideran os socialistas que esta denuncia replica “a estratexia do PP de intentar manchar con denuncias a xestión dos socialistas” e fan seu tamén o argumento do alcalde, sinalando que “intentan gañar nos xulgados o que non son capaces de gañar nas urnas”, pero advirten que “o goberno de Toba seguirá poñendo os intereses da veciñanza por enriba dos intereses políticos”.