Máis de 5,7 millóns de viaxeiros aloxáronse este ano en Galicia, o que supón un incremento do 6%

A cifra elevouse en setembro ao 9% no caso dos establecementos hoteleiros e extrahoteleiros

Pulo ao sector co Bono Turismo da Xunta, que conta con 400 negocios adheridos e mobilizará 2,5 millóns de euros ata fin de ano

Xosé Merelles e Gonzalo Trenor, 4º e 6º pola esquerda, onte cos donos do Hotel Boutique Mar do Ézaro / xunta

Xosé Merelles e Gonzalo Trenor, 4º e 6º pola esquerda, onte cos donos do Hotel Boutique Mar do Ézaro / xunta / suso souto

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, visitaron este luns en Dumbría o Hotel Boutique Mar do Ézaro, un dos preto de catrocentos establecementos adheridos ata o de agora á campaña do Bono Turismo da Xunta coa que se fomentan as viaxes dos galegos en Galicia durante o outono.

Alí destacou o “excelente comportamento” que está a amosar o turismo en Galicia, despois de dous anos santos consecutivos, e que se traduce en que ata setembro a Comunidade rexistrou máis de 5,7 millóns de viaxeiros aloxados e máis de 11 millóns de noites, tanto nos establecementos hoteleiros (hoteis e pensións), como extrahoteleiros (apartamentos, campings, albergues e casas de turismo rural). “Falamos dun incremento do 6,4% en número de viaxeiros aloxados e do 6,1% en canto ás noites neste ano”, sinalou.

Neste sentido, indicou que estes bos datos veñen impulsados pola boa afluencia de viaxeiros só no mes de setembro. Como revelan os datos do Instituto Nacional de Estadística que este luns fixo públicos sobre os locais extrahoteleiros, só nestes establecementos o número de viaxeiros medrou un 21% ese mes. A estes súmanse os datos en hoteis e pensións xa coñecidos a semana pasada e que dan como resultado que só en setembro máis de 865.000 viaxeiros se hospedaron nos establecementos de aloxamento galegos. Isto supón un incremento de media do 9% en todos os establecementos só en setembro.

No tocante á ocupación en apartamentos turísticos, Galicia recibiu en setembro a 27.529 viaxeiros e rexistrou 82.186 pernoctacións, cunha estancia media de 2,99 días. A capacidade estimada dos 2.688 apartamentos é de 10.264 prazas, e o número de empregados é de 767.

Respecto á ocupación en campings, Galicia recibiu en setembro a 34.735 viaxeiros e rexistrou 114.308 pernoctacións, cunha estancia media de 3,29 días. Conta nese eido con unha estimación de 108 establecementos abertos, que ofertan 30.378 prazas en 9.389 parcelas. O número de empregados é de 475.

Tamén no referente aos campings, a provincia de Pontevedra está entre as 15 de España con maior número de pernoctacións. Neste sentido, en setembro recibiu 9.757 viaxeiros residentes en España (53.906 pernoctacións) e a 7.481 residentes no estranxeiro (19.811 pernoctacións) cunha estancia media de 4,28 días. Na provincia pontevedresa hai 41 campings con 5.031 parcelas e 279 empregados.

Un grupo de clientes chegando ás instalacións do camping Ría de Arosa-2 de Ribeira / camping ría de arosa-2

Un grupo de clientes chegando ás instalacións do camping Ría de Arosa-2 de Ribeira / camping ría de arosa-2 / suso souto

Asimesmo, a zona das Rías Baixas está entre as 15 de España que rexistraron máis pernoctacións en campings en setembro: 57.357 residentes en España e 21.110 residentes no estranxeiro, cunha estancia media que se cifrou en 3,90 días.

En canto ós aloxamentos de turismo rural, Galicia conta con 434, que ofertan 5.891 prazas e nos que traballan 796 empregados. En setembro Galicia recibiu neste sector a 27.905 viaxeiros, que rexistraron 44.892 pernoctacións cunha estancia media de 1,61 días.

Ningunha provincia galega está no grupo das 15 españolas con máis número de viaxeiros, pernoctacións ou establecementos en setembro no apartado de aloxamentos de turismo rural, pero a zona das Rías Baixas si volve estar entre as 15 con máis pernoctacións nese eido, con 4.035 viaxeiros residentes en España (8.772 pernoctacións) e 1.998 residentes no estranxeiro (3.084 pernoctacións), o que se traduce nunha estanci media de 1,97 días.

Xosé Merelles indicou que o turismo en Galicia está a vivir un “bo momento de xeito cuantivativo pero tamén cualitativo”, con melloras tamén na rendibilidade hoteleira durante todo o ano. Segundo os datos do INE, rexistráronse nos nove primeiros meses deste ano os mellores niveis de rendibilidade hoteleira desde que se teñen rexistros, superando nun 7% os niveis do ano pasado en un 26% nos do ano 2019, o ano inmediatamente anterior á pandemia do coronavirus.

En canto á tasa de variación anual de pernoctacións nos albergues, segundo o INE a nivel nacional ocúpanse o 34,7% das prazas, un 13,0% máis que en setembro de 2022, e o grao de ocupación en fin de semana alcanza o 37,6%, cun aumento do 13,4%. Galicia é o destino preferido, con 207.524 pernoctacións. A Comunidade de Madrid alcanza a maior ocupación, co 65 % das prazas ofertadas.

En relación a estas cifras, Xosé Merelles confiou en que esta tendencia positiva de setembro continúe tamén en outono, para o que se conta con iniciativas como o Bono Turismo, e agradeceu a “excelente resposta” dos galegos ante a descarga o pasado venres “en tempo récord” dos 10.000 Bonos Turismo da Xunta. Animou a todos os beneficiarios a que agora “poidan descubrir e redescubrir Galicia empregándoos ata o vinte e cinco de decembro”. De feito, como dixo, só na primeira fin de semana mobilizáronse máis de 53.000 € nos establecementos adheridos e máis de 18.000 € de descontos a cargo da Xunta.

Tamén salientou a boa acollida que está a ter a iniciativa entre o sector, con preto de 400 empresas adheridas. Recordou, ademais, que as empresas aínda están en prazo para seguir sumándose. Poden facelo a través deste enlace ata o día 1 de decembro.

O director de Turismo salientou a importancia desta iniciativa para desestacionalizar a actividade turística, facilitando as viaxes neste outono “e contribuíndo tamén a apoiar o sector, xa que temos previsto mobilizar nestes meses ata 2,5 millóns de euros”, explicou.