Festiva antesala do 25N amenizada con danza, teatro, música, maxia e poesía

En Ribeira lembraron ás vítimas da violencia machista con dornas de papel nunha rede

En Cabana houbo unha homenaxe musical ás devanceiras que deixaron pegada

Escolares da Pobra cantaron un tema que compuxeron eles mesmos

En Boqueixón, 264 nenos e nenas participaron nunha camiñada

Grafiti realizado por escolares de Frades no marco dos actos do 25N / c.f.

Grafiti realizado por escolares de Frades no marco dos actos do 25N / c.f. / redacción

Redacción

Moitos concellos do cinturón compostelán levan días acollendo actividades de concienciación na loita contra a violencia machista e na defensa das vítimas desta lacra. E, ao igual que ocurrirá este sábado cos actos centrais para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, os mozos e mozas son os grandes protagonistas.

En Ribeira o alumnado de distintas escolas instalou nunha rede con dornas de papel en memoria de todas as víctimas do ano 2023.

Cabana de Bergantiños celebrou onte unha xornada reivindicativa baixo o título A visibilidade da muller: as mulleres da nosa vida, que deu comezo co espectáculo de danza Miña xoia, por conta de Clara Ferrao. A continuación, o grupo cabanés Son de Cabana interpretou unha peza para lembrar a todas as devanceiras que deixaron pegadas. A poetisa Matilde Vilariño recitou a súa composición No día da muller e o alumnado da escola municipal de teatro interpretou unha obra reivindicativa a prol da igualdade. As intervencións orais e musicais de Icía do Manso e Irma Macías, a interpretación poética de Rosalía Fernández Rial e a actuación musical da asociación Íntegro pecharon a xornada.

En Boqueixón 264 nenos e nenas de todas as idades do CPI Antonio Orza Couto participaron nunha andaina. En Lousame tivo lugar unha masiva concentración na Praza Teodomiro Hidalgo na que participaron alumnos e alumnas do CPI Cernadas de Castro, integrantes dos Obradoiros da Memoria, membros da asociación A Misela, traballadores municipais e representantes dos distintos partidos políticos. A rapazada do CPI Cernadas de Castro procedeu a dar lectura a algúns escritos e lendas sobre a violencia contra a muller baixo o lema Voces de Lousame contra a violencia de xénero.

Na Pobra os escolares enumeraron actitudes e conceptos para, entre todos, distinguir se eran positivos e debían persistir ou, pola contra, negativos e tiralos no lixo. Tamén houbo oco para a música cun tema que versa sobre a igualdade, composto e cantado polo propio estudantado. E xa con paraugas na man co lema Desmárcate! a marea morada formou o símbolo da muller.

En Silleda o Concello entregoulle aos centros educativos lotes de libros que afrontan a problemática da desigualdade por razón de sexo e a violencia machista. En Valga, o alcalde, José María Bello Maneiro, encabezou un acto con traballadores municipais, persoal do Centro de Información á Muller e usuarios do CODI, que repartiron entre os participantes lazos violetas e xabóns conmemorativos do 25-N que eles fixeron na actividade Creando igualdade.

En Brión celebrouse a tradicional concentración e lectura do manifesto institucional, e tivo lugar tamén unha performance do grupo de teatro do IES de Brión, Teatro das Maniotas, cos rapaces e rapazas vestidos totalmente de negro. En Frades repartíronse camisetas co debuxo e a lenda As mulleres poden! entre todos os nenos e nenas do CPI de Ponte Carreira, mentres que o alumnado de Infantil e Primaria gozou do espectáculo Pola igualdade dende a maxia, da maga Leo Leíño. En Padrón inaugurouse o monumento de homenaxe ás vítimas na Praza da Igualdade.

Por outra banda, en Teo terá lugar este sábado, no auditorio Constante Liste, a representación en linguaxe de signos da canción Morada de bágoas, interpretada polo grupo Música en mis manos, rematando os actos coa obra teatral de balde Cinco minutos sen respirar, de Gustavo Ott.

En Zas, a compañía de teatro AAntena representará ás 20.30 horas, no auditorio de Baio, a obra de teatro Golpes, na que se tratan os diferentes tipos de violencia machista.

En Rianxo, usuarios do grupo de teatro da asociación de persoas con diversidade funcional Ambar porán en escena no auditorio ás 19.30 horas a obra As paisaxes de Camille.

CITAS PARA HOXE

··· En Boiro ás 13.00 lerase na Praza de Galicia un manifesto colectivo sobre a violencia de xénero en contextos de ocio nocturno feito por alumnos.

··· En Oroso ás 11.25 no auditorio lerase o manifesto e vaise representar a obra Pablísimo.

··· En Negreira celébrase a XI Andaina contra a Violencia de Xénero. A saída será ás 10.30 do centro sociocultural, cara a Covas. Ao regresar haberá unha chocolatada.

··· En Ames ás 11.00 lerase o manifesto ante o Concello e logo será a andaina Achégate á Igualdade. Ás 20.00 na casa da cultura do Milladoiro actuará o grupo The Tetas Van.

··· Na Baña a casa da cultura acolle ás 19.00 a presentación do equipo de Igualdade do CPI San Vicente, así como a lectura do manifesto e o espectáculo titulado Benquerer(se).

··· En Ponteceso haberá unha concentración ás 13.00 horas na Praza do Recheo.