Especial 25N

Os nenos de Frades debuxan contra o maltrato

Os escolares do municipio implícanse co 25N a través de un concurso de debuxo e un graffiti no pavillón de Abellá

Os escolares de Frades, co graffiti gañador e co material conmemorativo do 25N.   | // ECG

Os escolares de Frades, co graffiti gañador e co material conmemorativo do 25N. | // ECG / b.c. [frades]

B.C. [Frades]

Este ano, como xa vén sendo habitual, o Concello de Frades organizou un concurso de Logo e Slogan en contra da Violencia de Xenero, no que participou o alumnado de educación secundaria no centro educativo de Frades. Os gañadores foron tres rapaces de primeiro da ESO: Brais Novoa, Fabián Gonzalez e José Martinez co slogan AS MULLERES PODEN.

A proposta gañadora pasa a formar parte da campaña de sensibilización e prevención contra a Violencia de Xenero do Concello de Frades. O debuxo quedou inmortalizado en forma de grafiti. Este ano, a localización escollida foi o Pavillón de Deportes de Abellá. Tamén quedou estampada no material que se reparte na mesa informativa no concello, e que o concelleiro de ensino Manuel Ferreiro Marzoa repartiu ós alumnos/as do CPI Ponte Carreira e ós alumnos de Frades que acoden ó CPI de Xanceda.

Este ano, ademais tamén houbo maxia, que veu da man da actuación da Maga Leo Leíño coa obra Dende a maxia pola Igualdade, que tivo lugar no colexio dirixida a alumnos de infantil e primaria. “Insistimos moito neste tema cos nenos e nenas dende que son pequenos. As cifras de aumento de mulleres asasinadas están aí, e medran ano a ano. Hai que traballar dende moi abaixo, empezamos en Infantil e seguimos todo canto podemos. Dende o colexio colaboran moito, e nos parece perfecto”, comentan dende o Concello.

A concelleira de Benestar Social, Muller e Igualdade, Ángeles Álvarez Carro, leu o manifesto contra a Violencia diante do Concello, no que detallaba que, segundo os datos oficiais da Secretaría de Estado de Igualdade e Contra a Violencia de Xénero, este ano (ata o 8 de novembro) o número de casos de mulleres asasinadas pola súa parella ou ex parella, ascende a 52, deixando ademais 51 orfos. “Este número de vítimas do machismo, que supón unha muller asasinada cada semana, é o máis alto dende o ano 2019”, alertou o manifesto.

“Pero non nos quedemos cos golpes e asasinatos, violencia machista tamén é a humillación, o insulto, o control, a chantaxe”, instou a concelleira, que quixo sinalar que, na actualidade, máis de 50 mil mulleres en España contan con protección policial por risco de violencia machista. “Non serven de nada tódolos programas para a loita contra esta lacra se non buscamos a igualdade, se non educamos ós nosos fillos e fillas na empatía, na independencia, no respecto… en resumo na educación en valores. Hoxe tamén pido solidariedade entre mulleres”, demandou no manifesto.