Cee prima a atención social e os servizos no orzamento máis alto da historia, que ascende a 7,6 millóns

Aumentan as partidas de axuda no fogar, a escola infantil e a de conciliación

A oposición rexeitou as contas e tamén a delegación de competencias no goberno

Foto do pleno dos orzamentos do Concello de Cee

Foto do pleno dos orzamentos do Concello de Cee / Cedida

 A Corporación de Cee aprobou o orzamento para 2024, que será o máis alto da historia local ao superar os 7,6 millóns de euros. Unhas contas que, segundo subliñou a alcaldesa, Margarita Lamela, priorizan a atención social e os servizos, incrementándose as partidas do Servizo de Axuda no Fogar (de 536.832 a 663.208 euros), a escola infantil (de 150.022 a 180.000 €), e a de conciliación (14.000 €).

Tamén se aumenta a partida dos servizos de recollida selectiva, limpeza viaria e tratamento de residuos, que pasa de 797.818 a 851.398 euros, e nas áreas de Cultura e Deportes destinaranse 40.200 euros para subvencións as asociacións en concurrencia competitiva.

Por outra banda, os orzamentos contemplan dúas partidas, unha de 21.995 euros para adquirir unha finca na zona do Fornelo para implantar a nova estación depuradora de augas residuais, e outra de 3.000 € para comprar unha parcela para completar a unión dos paseos marítimos de Cee e Corcubión.

As contas inclúen ademais a subvención de 1.057.979 € concedida polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para a obra de reforma integral do mercado, e unha partida de 110.000 euros para o Plan de Actuación Municipal que, entre outras actuacións, cubrirá a instalación de bombas de calor na piscina municipal, a escola infantil e a unitaria de Brens, así como na casa da cultura. O Concello tamén reserva unha partida de 6.019 € para substituir a caldeira do centro de saúde a través dun convenio co Sergas, co que tamén asinarán outro acordo para a renovación de fiestras e as portas, e reparar o patio interior.

A rexedora asegurou que son uns orzamentos “confeccionados con moita prudencia”. Non obstante, non contaron co respaldo da oposición, xa que tanto PP como BNG e IxCee votaron en contra e coincidiron en criticar o elevado custo e número das adicacións exclusivas do goberno local, así como o incremento das taxas municipais e que non se contase con eles para deseñar as contas.

Outro dos puntos que enfrontou ao goberno (PSOE) coa oposición foi a delegación de competencias do pleno na xunta de goberno local “para unha maior axilidade e eficacia na xestión de subvencións e contratacións”, segundo xustificou a alcaldesa, Margarita Lamela.

O portavoz do PP, Jesús Picallo, afirmou que é unha decisión que “vai contra a democracia e a transparencia”, e o seu homólogo do BNG, Serxio Domínguez, sinalou que “o goberno evita así o control da oposición e que poidamos facer aportacións”. Pola súa banda, Pilar Iglesias, edil de IxCee, afirmou que “estanse limitando os dereitos dos cidadáns e pódese converter isto nunha autocracia”. A rexedora rexeitou as críticas insistindo en que esta delegación faise “meramente por axilidade administrativa, e a oposición terá participación a través das comisións informativas”.