Cáritas chama á solidariedade nestas festas de Nadal a beneficio de 150 familias da Estrada

Despois da importante doazón de bolsas de carne por parte de SBC, ponse en marcha a Operación Quilo

Pódense depositar os alimentos nas caixas vermellas das tendas e supermercados 

Imaxe de arquivo de voluntarias de Cáritas preparando unha anterior edición da Operación Quilo

Imaxe de arquivo de voluntarias de Cáritas preparando unha anterior edición da Operación Quilo / Cáritas

Importantes mostras de solidariedade seguen a encher Cáritas Parroquial da Estrada xa que, despois das bolsas de carne achegadas por SBC, a Policía Local entregou caixas con xoguetes, alimentos infantís e outros produtos. Estas aportacións veñen a sumarse á colaboración continuada ao longo de todo o ano de Mercadona e a Fábrica de Mobles María Martínez, así como ás puntuais de outros establecementos e máis á Operación Quilo, xa en marcha.

Na actualidade, hai máis de 150 familias que reciben regularmente axuda de Cáritas. A meirande parte delas son do propio municipio, pero hai tamén algunha de concellos veciños (Forcarei e Vila de Cruces), así como outras de orixe marroquí, procedentes de Sudamérica ou do leste de Europa, todas residentes na capital de Tabeirós-Terra de Montes.

Por todo iso, a organización, en boca da súa directora, Mercedes Brea, quere agradecer a implicación dos organismos e persoas particulares. Así, e como todos os anos, ao longo do mes de decembro Cáritas Parroquial A Estrada (Diocesana de Santiago de Compostela) pon en marcha a Operación Quilo, co obxectivo de recadar alimentos non perecedoiros cos que atender en 2024 os requerimentos das persoas que acoden regularmente á institución en busca de apoio. Dado que “as entregas diarias de Mercadona cobren sobradamente unha parte das necesidades, recoméndase centrar as axudas en produtos como conservas, azucre, cacao, aceite e alimentos infantís; así mesmo, e en atención ao gasto enerxético que representa a cocción dos legumes, agradécese que este tipo de víveres se entreguen na súa versión xa precociñada en latas ou frascos”, apuntan as mesmas fontes.

Pola súa banda, a resposta dos establecementos de alimentación estradenses “é, en xeral, moi positiva, posto que colaboran habitualmente con Cáritas, colocando caixas vermellas debidamente identificadas para que os clientes que acoden a eles poidan depositar os seus donativos. Sos os seguintes: supermercados Alcampo, Familia, Froiz e Gadis; tendas de alimentación Artesa, Chedas, La Santiaguesa, Villa Brasil e Taberna de Ouzande”, traslada Brea.

Cáritas tamén agradece publicamente estas mostras de solidariedade, así como as campañas que se levan a cabo en diversos centros educativos e nalgunhas parroquias do rural estradense, pero igualmente as que poñen en marcha instalacións como a piscina climatizada ou o club de pádel. De todos os xeitos, quen prefira contribuír cun donativo económico pode depositalo no peto colocado a tal efecto na igrexa parroquial ou no local de Cáritas (rúa San Paio, nº 22). O teléfono de contacto para resolver cualquera dúbida ou aportar suxerencias é o 617 865 255.

A entidade ten en marcha unha serie de programas para os que conta coa asistencia de persoas voluntarias que altruistamente dedican unha parte do seu tempo a realizar funcións moi variadas (a maiores do labor que desenvolven na ordenación e distribución de roupa e alimentos). Así, na actualidade funciona de maneira regular un programa de apoio escolar (Xeralteca) no que participan case 20 rapaces, maioritariamente marroquíes e venezolanos, e imparten clases de español.