Ames festexará o fin de ano o vindeiro domingo pola mañá na praza consistorial

Blas García, oitavo pola esquerda, cos demais participantes na presentación.

Blas García, oitavo pola esquerda, cos demais participantes na presentación. / Concello de Ames

ECG

Chega a terceira edición das prebadaladas de fin de ano de Ames. O alcalde, Blas García, presentou a celebración na casa da cultura de Bertamiráns, dentro da programación deste Nadal. A cita está programada para o domingo 31 de decembro ás 11.00 horas na praza consistorial de Bertamiráns.

O acto estará conducido por Loly Gómez, comunicadora da TVG, e nel actuarán as gañadoras da última edición do concurso musical Canta con Ames: Antía Holovat (categoría infantil), Antía Boo (categoría xuvenil) e María Camaño (categoría sénior), así como as gañadoras de edicións pasadas deste mesmo concurso. Os primeiros 500 adultos que asistan á cita recibirán unha bolsa con produtos dos comercios locais, entre os que se inclúen cotillón, chicharróns, arandos e unha cervexa para brindar polo novo ano. Por outra parte, no caso dos máis pequenos, os primeiros 500 asistentes recibirán unha bolsa con cotillón, lambetadas sen glute e un vaso para brindar. O colofón do dulce da festa chegará co algodón de azucre e os flocos de millo que se repartirán. Unha vez máis, Ames recibirá o ano novo ao mediodía.