Inician as consultas ambientais da primeira fase para a conversión do corredor Brión-Noia en autovía

As obras terán un orzamento de 29 millóns de euros, incluíndo a partida para as expropiacións // Actuarase nun 60% da vía actual

Plano do trazado no que se actuará para executar a primeira fase de conversión do corredor en autovía.

Plano do trazado no que se actuará para executar a primeira fase de conversión do corredor en autovía. / Xunta

Suso Souto

A Xunta vén de activar o trámite de consultas ambientais do proxecto da primeira fase de conversión en autovía da vía de altas prestacións CG-1.5 Brión-Noia. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciou o procedemento para someter o proxecto a participación durante un mes, no marco do proceso de avaliación ambiental simplificada.

Esta actuación, que impulsa a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, ten un orzamento de case 29 millóns de euros, incluíndo o investimento para as expropiacións.

O trazado terá 9,66 km, iniciándose no final da autovía AG-56, Santiago-Brión, e finalizando no tramo Martelo-Noia. Esta primeira fase supón o 60% da lonxitude de 18,2 km da vía de altas prestacións Brión-Noia. 

O obxectivo é converter en autovía o treito comprendido entre os quilómetros 11+640 e o 21+300, realizándose o desdobramento para a autovía cara ao lado esquerdo, polo que se manterá a estrutura actual ao situarse no lado contrario do carril lento. Isto permitirá manter a funcionalidade durante as obras.

Na realización desta vía xa se tivo en conta a futura conversión en autovía. Para iso, na execución da vía de altas prestacións Brión-Noia realizáronse os movementos de terras e os pasos superiores e inferiores, que non é preciso ampliar salvo no caso do paso inferior do km 11+990.

A estrada proxectada no desdobramento será para cada calzada de dous carrís de 3,5 metros, beiravías de 2,5 metros exterior e 1 metro interior, e disporá de mediana de 3 metros entre bordos de beiravía das plataformas contiguas, dándolle continuidade ás características da autovía no tramo Santiago-Brión.

Realizaranse algunhas modificacións na conexión coa autovía Santiago-Noia co obxecto de adaptar o trazado existente á nova autovía. 

Conservaranse os 4 enlaces a distinto nivel de Urdilde, Martelo, Sampaio e Pontenafonso, pero o de Gundín desaparecerá coa ampliación pola imposibilidade de conservalo. No caso do viaduto de Naveira, proponse unha ponte xemelga á existente, de 7 vans de 40 metros de luz.

Así os enlaces deste novo treito de autovía estarán en Urdilde, no punto quilométrico 15+400, a 3,4 quilómetros do anterior enlace en Brión, e en Martelo, no punto quilométrico 18+930 a 3,53 quilómetros do anterior enlace.

En canto ás estruturas, nas obras de construción da vía CG-1.5 executáronse xa a maior parte das obras de paso, prevendo a plataforma final con sección de autovía, salvo no paso inferior no quilómetro 11+945 e no viaduto de Naveira.

A intervención proxectada para o paso inferior no quilómetro 11+945 prevé a prolongación da sección existente, minimizando cantos, para mellorar a disposición no camiño de servizo para que a solución final da vía secundaria sexa máis axeitada.