A provincia da Coruña divulgará no salón Fitur de Madrid cinco plans de turismo sostible

A Deputación promocionará ‘Os Fogóns do Anllóns’, de Bergantiños, e a Vía Verde Compostela - Tambre - Lengüelle

Tamén divulgará as Fragas do Eume, o Xeoparque de Ortegal e o centro histórico de Ferrol

O obxectivo é xerar riqueza e fixar poboación

Presentación do proxecto 'Os Fogóns do Anllóns', en Fitur 2023

Presentación do proxecto 'Os Fogóns do Anllóns', en Fitur 2023 / Deputación da Coruña

J. M. Ramos

Os cinco Plans de Sustentabilidade Turística en Destino da Deputación da Coruña (Fogóns do Anllóns; Fragas do Eume; Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal; Vía Verde Compostela - Tambre – Lengüelle e centro histórico de Ferrol e patrimonio militar da Costa Ártabra) serán os protagonistas dos actos institucionais na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra do 24 ao 28 de xaneiro en Madrid.

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, encabezará a delegación da provincia, na que tamén participarán representantes das comarcas de Bergantiños, Eume, Ortegal, Santiago e Ferrolterra.

“Queremos levar a un dos eventos máis importantes de turismo a nosa proposta, baseada na sustentabilidade medioambiental, económica e social, que pasa por manter a autenticidade do territorio, contribuir á xeración de riqueza local e á fixación de poboación no rural, dende o máximo respeto medioambiental”, apuntou. “Ofrecendo produtos turísticos diversos e de gran calidade, que poñen en valor a nosa identidade, e se dirixen a un perfil que demanda unha oferta caracterizada polo patrimonio, cultura, gastronomía, ocio activo... Todo iso é o que se pode atopar nos nosos Plans de Sustentabilidade Turística”, engadiu.

A primeira das citas da Deputación en Fitur será a presentación de Provincia da Coruña, territorio sostible que terá lugar o mércores 24 ás 13.00 horas no stand de Galicia. Presentarase unha reflexión sobre a importancia de levar a cabo prácticas sostibles a través dun audiovisual que complementará as intervencións do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; a do deputado Antonio Leira e a do presidente, Valentín González Formoso. Tamén se proxectará un vídeo de promoción da Vía Verde Compostela – Tambre- Lengüelle.

Esta vía une os concellos de Cerceda e Oroso e, proximamente, Santiago, grazas á Deputación da Coruña. É a máis longa de Galicia, con 24 quilómetros de itinerario peonil e ciclista. No futuro alcanzará os 36,9 quilómetros.

Pola súa banda, o proxecto Os Fogóns do Anllóns está concibido para ofrecer un produto turístico de calidade, baseado na gastronomía local sostible, e orientado a cumprir cos catro eixes transversais que esixen os Fondos Next Generation. Entre as iniciativas proxectadas inclúense a creación dunha rede de miradoiros e praias fluviais, ademais de limpar e eliminar as especies invasoras nas beiras dos ríos. Tamén se crearán servizos de paseo en embarcacións limpas, rutas de cicloturismo e a habilitación do sendeiro do Anllóns, eixo do proxecto de 53 quilómetros, que percorre os concellos da Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana de Bergantiños. 

Asemade, explicarase a través da realidade aumentada e códigos QR a gastronomía local, e fomentarase o embelecemento de restaurantes, incentivando que conten con louza e manteis elaborados na zona. A iniciativa busca tamén potenciar as feiras e as rutas gastronómicas.

Por outra banda, o venres 26 darase a coñecer o proxecto Cabo Ortegal, Territorio xeolóxico nun acto dedicado aos xeoparques mundiais da UNESCO. A Deputación da Coruña inviste 7,8 millóns nestes plans.

TEMAS