Carballo activa un Club de Lectura en Galego na biblioteca da rúa San Xoán

Membros do Club de Lectura da biblioteca Rego da Balsa

Membros do Club de Lectura da biblioteca Rego da Balsa / Concello de Carballo

Suso Souto

O Club de Lectura da biblioteca Rego da Balsa de Carballo xa está en marcha de novo, este ano dirixido pola xornalista e escritora malpicá Marta Villar, gañadora do Premio Tiflos de Xornalismo en 2020, finalista no XLI Premio de Xornalismo Julio Camba Afundación, dos certames de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal de 2021 e 2022, e no Premio de Poesía Gloria Fuertes de La Rinconada (Sevilla) de 2021. En 2023 publicou Non temerás os coches amarelos, a súa primeira novela. Agora, os membros do club meteranse de cheo en Golpes de luz, de Ledicia Costas. Os participantes reúnense os luns, cada 15 días, de 18.00 a 19.30 horas. Este mes estrearase o Club de Lectura da biblioteca da rúa San Xoán, coas particularidades de que as reunións celebraranse un venres ao mes e de que se centrará na literatura en galego, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística e de Belén Edreira, libreira e blogueira, que será a directora. Para anotarse pódese enviar un email a bibliotecacarballo@carballo.gal.