José Luis Pérez Añón deixa a Alcaldía de Laxe por motivos de saúde

Substitúeo no cargo o tenente de alcalde Francisco Charlín Oróns

Xosé Luis Pérez Añón

Xosé Luis Pérez Añón / Cedida

Suso Souto

O alcalde de Laxe, José Luís Pérez Añón, do PP, anunciou que deixa a Alcaldía e o seu cargo de concelleiro por motivos específicos de saúde e consello médico. Nun escrito presentado este mércores, 21 de febreiro, Pérez Añón deu a coñecer a súa decisión, un paso que define como moi difícil polo “valor incalculable” que ten o traballo diario e as “inquietudes profesionais” que xorden á fronte do Concello. Con todo, trátase dunha medida tomada tras unha profunda reflexión e que será “a correcta tanto para o meu benestar como para o do Concello de Laxe”, indica. Pérez Añón será substituído no cargo polo tenente de alcalde Francisco Charlín Oróns.

Pérez Añón foi elixido nas dúas últimas eleccións municipais para presidir a Alcaldía, o que lle permitiu, tal e como asegura no comunicado, “aportar o meu modesto esforzo para favorecer a convivencia e o desenvolvemento deste concello”. Aproveitou a ocasión, ademais, para agradecer á veciñanza pola “confianza” depositada no seu traballo nestes últimos anos.

Cinco anos como alcalde

O rexedor comezou o seu primeiro mandato no ano 2019, cunha ampla maioría absoluta que reeditou nos pasados comicios electorais, confirmando a confianza da veciñanza no seu proxecto.

Sinala que foi “un pracer e orgullo” representar a Laxe e agradece o traballo e o mérito de cada un dos compañeiros e compañeiras de goberno, así como ao resto de integrantes da súa candidatura, “que se mantiveron en todo momento ao meu lado, sempre coa mellor das disposicións para cooperar e traballar no proxecto político que entre todos levamos a cabo”, sinala. Estendeu os agradecementos a “todos os traballadores municipais” polo seu esforzo e empeño, así como pola súa capacidade “para traballar en equipo”.

Durante estes case 5 anos como alcalde, segundo indicou, “centreime en mellorar o día a día da nosa veciñanza a través de servizos públicos de calidade e infraestruturas que melloraran o día a día das persoas”.

Pérez Añón finaliza así a súa etapa á fronte do Concello de Laxe e afirma que deixa o cargo para poder “dedicarlle máis tempo á familia e a todos os meus seres queridos no día a día”.

O PP agradece o seu compromiso

A dirección do Partido Popular na provincia da Coruña encabezada polo seu presidente, Diego Calvo, destacou o traballo e o compromiso mostrado por José Luis Pérez Añón durante os seus anos como militante e alcalde do Partido Popular, e asegurou que co seu labor conseguiu que “Laxe sexa hoxe un lugar mellor que cando tomou posesión do seu cargo no ano 2019”.

Calvo non quixo pasar a oportunidade de poñer en valor a figura dunha persoa “empeñada desde hai moitos anos en mellorar a calidade de vida dos veciños de Laxe”, e de quen destacou o seu sentido do deber público tanto como no seu labor como alcalde como no seu día a día como profesional da medicina.

Para Calvo, a chegada de Pérez Añón á Alcaldía de Laxe en 2019 tras conseguir unha maioría absoluta, que revalidaría nas municipais do 2024, e despois de quedarse ás portas no 2015 sendo a forza máis votada, supuxo un “antes e un despois” para un municipio que, a partir de entón, gañou peso na comarca, converténdose nun dos concellos de referencia en todos os ámbitos.

“Perdemos un alcalde moi querido entre os veciños de Laxe, unha persoa que traballou ao servizo da xente durante toda a súa vida e alguén que foi un exemplo de como facer as cousas con responsabilidade, con boa xestión e sempre poñendo por diante os intereses dos demais antes que os seus”, afirmou Calvo.

Finalmente, mostrouse “seguro” de que, a pesar de a marcha de Pérez Añón, a quen lle desexou que “goce da vida como non o puido facer ata o de agora e que empece a pensar máis en si mesmo que nos demais tras moitos anos ao servizo público”, Laxe queda "en boas mans do ata o de agora tenente alcalde Francisco Charlín Oróns".