Os Concellos de Laxe e Vimianzo presentan alegacións ao Plan de Xestión da Paisaxe Protexida dos Penedos

O Seminario de Estudos Comarcais de Costa da Morte demanda melloras no documento

Propón crear un Centro de Interpretación automatizado na antiga escola de Pasarela

Víctor Santos, esda., José Luis Pérez, Mónica Rodríguez e María José Mato estudando as alegacións

Víctor Santos, esda., José Luis Pérez, Mónica Rodríguez e María José Mato estudando as alegacións / Concello de Vimianzo

J. M. Ramos

Os Concellos de Laxe e Vimianzo presentaron alegacións ao borrador do Plan de Xestión da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, para demandar que se incorporen diversas melloras e tamén que se teña en conta "o esforzo económico que supón para concellos tan pequenos manter un espazo con tanto alcance e potencialidade como este".

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez e o rexedor de Laxe, José Luis Pérez, xunto cos técnicos de Deportes e Turismo, Víctor Santos e María José Mato, respectivamente, consensuaron o documento no que reflexan que é "imprescindible que a redacción do plan contemple uns criterios claros relativos á xestión do perímetro deste espazo, que axudaría a garantir o cumprimento dos obxectivos ambientais da protección oficial". Ademais, subliñan que estes bens están situados en parcelas con distintas titularidades, cuestión que dificulta unha xestión áxil, así como un óptimo mantemento e roza.

A organización e delimitación das plantacións "debería quedar expresamente identificada", engaden, de tal xeito que se documente o seu estado actual e se garanta a contemplación dos Penedos a futuro, o que implica que deberá constar unha delimitación dos perímetros mínimos de distancia entre as masas arbóreas e de vexetación, e as formacións rochosas.

Alegan tamén que o documento non menciona o réxime de uso nin as consideracións de xestión das parcelas que están en estado de abandono ou descoido por parte das persoas propietarias. "É necesario que se contemplen especificamente as consecuencias desta casuística, porque para que o plan sexa eficiente, debe fomentar decididamente o uso recreativo e divulgativo do lugar, tendo en conta todas as súas particularidades coas súas solucións", afirman.

Tampouco se contempla a ampliación do catálogo; enumérase unha serie de Penedos, identificados como os máis recoñecibles e con nome propio, pero "tendo en conta a desorganización actual da vexetación e da masa arbórea, está limitado o acceso e a localización de máis formacións, aínda con constancia de que si existen", subliñan.

Asemade, existen varias vías de acceso á Paisaxe e non están todas sinalizadas. Desde o punto de vista dos dous concellos, é preferible a sinalización e o sentido do tránsito a través de dúas únicas vías de acceso: as que xa serven de conexión dos lugares de Pasarela e Traba, e conflúen no aparcamento do Brañal.

Consideran, con todo, que a temporalidade das tres fases de actuación debe reducirse para que o Plan de xestión permita, dalgún xeito, compensar o tempo transcorrido desde a declaración oficial da figura de protección da Paisaxe Protexida ata a aprobación definitiva deste documento. O ideal sería que a primeira fase de actuación se realice antes dos 2 anos, a segunda nun período de 2 a 4 anos e a terceira, nun período de 4 a 6 anos.

Subiliñan igualmente que "non se fundamente nin se xustifica a asignación das entidades responsables, nin das posibles fontes de financiamento". O Concello de Vimianzo considera que "a ambigüidade relativa ás responsabilidades e financiamento é especialmente preocupante para garantir a correcta xestión deste espazo".

Engadido a isto, pídese que se modifique a redacción e se dote de medios propios da Xunta de Galicia para financiar e coordinar as tarefas de limpeza e mantemento das infraestruturas de uso público da Paisaxe, garantindo así o acceso ao espazo durante todo o ano. O Concello de Vimianzo pide ademais que se especifican os custes de homologación da ruta de sendeirismo.

A maiores piden que se inclúan actuacións para mellorar o tránsito tanto de subida pola zona sur da Forcada, como nas inmediacións do penedo multiforme na zona da Cachucha, e consideran insuficientes tanto a prioridade como o custe estimado para a actuación relativa á creación de novo material divulgativo, visto que é un dos obxectivos do Plan fomentar o coñecemento deste espazo e respectar os seus valores naturais.

As administracións locais entenden que debe responsabilizarse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural tanto da execución como do seu financiamento á área destinada a aparcadoiro na zona do cruce do Brañal, posto que se destinará ás persoas usuarias.

Adicionalmente, tamén se pide que se recolla na redacción que o 13 de xuño de 2021 houbo un incendio na Paisaxe; identificar a fonte de financiamento do mantemento e mellora do firme do viario de acceso oriental; ter presente a cartografía histórica, engadindo mapas e planos, entre os cales se atopan os elaborados polo ilustre xeólogo local Isidro Parga Pondal; que se teña en conta o documento que menciona a prohibición do uso da imaxe da Paisaxe Protexida con fins comerciais, de marca ou accións de identidade e que se modifique a redacción onde se indica que os paneis informativos instalados están suxeitos ao chan con zapa de formigón, xa que en realidade están suxeitos a presión, minimizando así os riscos de impacto sobre o medio.

Desde os Concellos de Vimianzo e Laxe estiman que o Plan de Xestión "é un documento esencial para administracións públicas, visitantes, veciñanza, propietarios e organización; é a folla de ruta esencial que permitirá conservar o conxunto íntegro para as xeracións futuras e precisamente esa garantía a futuro é a que nos impulsa a presentar as alegacións que contén o documento presentado pola Administración local", conclúen.

Seminario de Estudos Comarcais

Pola súa banda, o Seminario de Estudos Comarcias da Costa da Morte (Semescom) tamén formulou diversas alegacións. Consideran positiva a prohibición de actividades na contorna desta Paisaxe Protexida que produzan grande impacto no medio, e alertan que na actualidade "a maior ameaza é o proxecto do parque eólico de Pena dos Mouros", polo que piden á Xunta que non o autorice.

Discrepan asemade das propostas de temporalidade e prioridade de actuacións que se propoñen no plan, e entenden se deberían acometer "nun prazo breve, como máximo de dous anos". Respecto á area destinada a aparcadoiro no cruce do Brañal piden que se execute "co máximo respecto medioambiental e tendo en conta que se deberá priorizar o acceso a pé desde os núcleos máis próximos".

En relación ás limpezas, dende o Semescom consideran necesarias "como mínimo dúas ao ano", e piden ademais que a instalación de paneis informativos ou interpretativos "deberían ser os estritamente necesarios sobre o espazo protexido para producir o menor impacto posible".

Por outra banda, defenden a creación dun Centro de Interpretación dos Penedos no edificio da antiga casa-escola de Pasarela, e para abaratar os custes de xestión propoñen que sexa automatizado e autovisitable, "como algúns que xa se teñen instalado na nosa comunidade".