Inician a talla das doce árbores enfermas e a rexeneración da Carballeira de Santa Minia

Retirarase a terra, que está contaminada polos fungos, e plantaranse 8 exemplares

Talla de árbores afectadas por fungos na Carballeira de Santa Minia

Talla de árbores afectadas por fungos na Carballeira de Santa Minia / Concello de Brión

Suso Souto

O Concello de Brión iniciou os traballos de repoboación parcial da Carballeira de Santa Minia, autorizados por Patrimonio, coa retirada dunha ducia de árbores emprazadas na zona sur do predio, na contorna da casa da cultura, que estaban afectadas por distintos fungos, entre eles Armillaria mellea, unha enfermidade mortal para os carballos e que non ten cura posible.

Este mércores comezarase coa retirada da terra, que tamén está contaminada por Armillaria mellea, e a súa reposición con terra nova ao longo desta semana. Plantaranse oito exemplares de carballo duns tres metros de altura. Como se trata dunha enfermidade que se transmite polo solo ás árbores próximas, o primeiro paso recomendado polos técnicos foi a retirada dos exemplares que a Estación Fitopatolóxica do Areeiro determinou que estaban enfermas e sen cura posible.

Unha vez feita a plantación, analizaranse o resto de exemplares da carballeira para coñecer o seu estado fitosanitario e determinar os seguintes pasos a seguir.

Os oito novos exemplares estarán na zona sur da carballeira, que está separada do resto do predio por un sumidoiro. Polo tanto, aínda que algunha das outras árbores non analizadas estivera tamén enferma, non afectaría ás novas, ao non compartir o mesmo terreo.

Finalmente, este martes recolléronse as partes dos carballos que serán entregadas ao escultor e artista Camilo Seira, de Rois, para a elaboración dun traballo artístico. Unha obra realizada a partir das cortizas dalgúns dos exemplares e que será exposta no seu momento nun edificio municipal como memoria da carballeira centenaria de Brión.

Desta forma, o Concello dá resposta a unha das propostas realizadas nas reunións abertas á veciñanza.