GASTRONOMÍA

As ricas filloas á pedra da Baña mobilizaron dez mil persoas

Vinte filloeiras traballaron a pleno rendemento durante toda a xornada

A pregoeira Elena Ferro pediulle ás novas xeracións que miren por conservar esta tradición

Música, artesanía e demostracións de oficios tradicionais completaron a cita  

Reparto de filloas á pedra na festa da Baña

Reparto de filloas á pedra na festa da Baña / Concello da Baña

J. M. Ramos

A Festa da Filloa da Pedra da Baña volveu ser un éxito na súa vinte edición, a primeira na que o Concello se fixo coas rendas da organización e puxo en funcionamento no pavillón de San Vicenzo un total de vinte pedras de propiedade municipal.

Unhas filloeiras que traballaron a pleno rendemento todo o día. Ao longo de toda a xornada repartíronse máis de 6.000 filloas, e dende a organización cifran en 10.000 as persoas que visitaron A Baña este domingo.

A festa, con vocación dinámica e participativa, tivo como pregoeira á zoqueira Elena Ferro, quen pediu ás novas xeracións que miren por conservar esta tradición, que é “parte da nosa cultura”. Ademais de dirixirse aos asistentes, Ferro animouse tamén a facer filloas e levou para a súa casa unha pedra, obsequio do Concello da Baña, para seguir desfrutando deste manxar. Acompañárona no acto o alcalde, José Antonio Pereira, e a tenente de alcalde, Mónica González.

A pregoeira, Elena Ferro, á esquerda, elaborando filloas na festa da Baña

A pregoeira, Elena Ferro, á esquerda, elaborando filloas na festa da Baña / Concello da Baña

Os actos festivos comezaron ás 9.30 horas coa apertura dun mercado de artesanía. Máis de trinta expositores ofreceron todo tipo de produtos nunha carpa situada a carón do polideportivo. Tamén a esa hora comezaron a funcionar as pedras para atender as demandas do público durante todo o día. Nesta ocasión as prezadas filloas servíronse a un euro a unidade e cun límite de cinco por persoa. Os que o desexaron acompañaron o manxar bañense con racións de chourizo e orellas. Asemade, a cita contou cunha polbeira para os que optaron por gozar dun xantar en familia.

Música e artesanía

Para complementar a degustación, o Concello da Baña programou actividades de diversa índole, co fin de entreter os asistentes de todas as idades durante a longa xornada. Así, e tanto pola mañá como pola tarde, o público puido desfrutar de demostracións en vivo de oficios tradicionais a cargo de artesáns que traballan a forxa e o torno de ballesta, ademais de tallar madeira ou facer sancosmeiros.

Unha das colaboradoras amosando unha das filloas servidas na festa da Baña

Unha das colaboradoras amosando unha das filloas servidas na festa da Baña / Concello da Baña

Entre as actuacións musicais, destacaron as propostas da Escola de Música Tradicional da Baña e de agrupacións da contorna. Gaiteiros e pandeireteiras interpretaron os primeiros sons tradicionais e amenizaron tamén a tarde xunto á agrupación coral CantoenCanto. Estiveron apoiados na por charangas ben coñecidas polos seus animados espectáculos de rúa, como os dos Celtas, que conta con integrantes da Baña; dos Tabernícolas de Leiradal e dos nicrarienses que forman a Mekanica Rolling Band.

Unha das novidades con respecto a edicións anteriores foi a actuación ao mediodía do grupo Río de Anxo polas rúas de San Vicenzo, levando a Festa da Filloa máis alá da contorna do pavillón coa idea de animar a veciñanza e a clientela dos locais de hostalería da capital da Baña. O público miúdo tamén tivo un espazo infantil de seu na Festa da Filloa da Pedra, e pola tarde as familias ao completo poideron gozar do espectáculo de Cé Orquestra Pantasma e tamén de xogos populares.

Tres áreas de estacionamento

Co fin de facilitar o acceso e o desfrute da festa, O Concello da Baña habilitou tres áreas de estacionamento. Unha, detrás da escola de música Emilio Andújar; outra, fronte á nave municipal; e unha terceira, ao lado do río, o que favoreceu a mobilidade dos asistentes.