MODA

A deseñadora Cristina Gamallo gaña o concurso da Mostra do Encaixe

A creadora de moda de Ares conquistou ao xurado coa colección ‘Camino’

O segundo premio foi para Laura AraujO e o terceiro para Uxía Loureiro

A mellor proposta comercial foi a de Miriam del Río, de Miño

A alcaldesa, Sandra Insua, entregando o primeiro premio a Cristina Gamallo, de Ares

A alcaldesa, Sandra Insua, entregando o primeiro premio a Cristina Gamallo, de Ares / C. Camariñas

J. M. Ramos

A XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña pechou as súas portas cos últimos desfiles de PeqEncaixe e Encaixeiras Senior, logo da entrega de premios do XXX Concurso de Noveis Deseñadores, no que resultou gañadora Cristina Gamallo Permuy, de Ares, que conquistou ao xurado profesional coa súa colección Camino. Recibiu o seu correspondente premio (2.100 euros) de mans da alcaldesa, Sandra Insua.

O segundo posto foi para Laura Araujo, de As Neves (Pontevedra), pola súa proposta Driade. Neste caso o premio foi de 1.200 €, e fixo entrega do mesmo o responsable da planta de Stolt Sea Farm de Vilán, José Figueroa. Completou o podio Uxía Loureiro Caamaño, de Ponteareas (Pontevedra), coa colección Farrapos. A responsable de relacións institucionais de Frigoríficos de Camariñas, Verónica Canosa, entregoulle o premio, dotado con 600 euros.

Pola súa banda, o galardón á Colección máis comercial (600 €), foi para Miriam del Rio Bouzas, de Miño (A Coruña), pola súa proposta Elas. A presidenta da Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, Olga Campos, foi a encargada de entregarlle o premio.

En total repartíronse 4.500 euros e optaron a estes galardóns 35 mozas e mozos que están dando os seus primeiros pasos no mundo da moda. A procedencia dos noveis deseñadores foi moi diversa e todos eles están a formarse nas mellores escolas a nivel estatal. Así, aínda que os galegos foron maioría, tamén participaron deseñadores de Valencia, Madrid, Murcia, Asturias, Navarra, Alacante, Xaén, Granada, Cidade Real e Huelva, entre outras procedencias.

Laura Araujo, de As Neves, fíxose co segundo premio

Laura Araujo, de As Neves, fíxose co segundo premio / Concello de Camariñas

O xurado estivo composto polasdeseñadoras e deseñadores profesionais Modesto Lomba, Charo Carrillo, Ana Cabranes, Esteban Freiría, Felipe Santamaría, Miriam Cartagena e Francisco Basteiro.

No acto de clausura, a concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, afirmou que “a Mostra conserva a esencia do que foi sempre. É artesanía é tradición, identidade e amor polo propio. Pero agora é moito máis. É un evento único, en Galicia e en todo o país, unha pasarela de referencia a nivel nacional, que leva o nome de Camariñas polo mundo!”.

Uxía Loureiro, de Ponteareas, levou o terceiro premio

Uxía Loureiro, de Ponteareas, levou o terceiro premio / Concello de Camariñas

No seu discurso fixo un repaso polos diferentes slogans do evento desde que ela asumiu a concellería. “Quixen que os propios lemas de cada edición amosasen esta nova realidade; comecei con 30 anos na vangarda da moda, facendo fincapé na traxectoria; ao ano seguinte quixemos saber se encaixabades no paraíso; na anterior edición deixamos claro que Camariñas está de moda porque somos a capital nacional da moda en Semana Santa; e aínda con todo isto Camariñas Sorprende, sempre temos algo novo que ofrecer”.

O grupo musical Astarot puxo o broche á trinta e tres edición da Mostra do Encaixe, que pechou as súas portas logo de recibir un total de 16.689 visitantes ao longo dos cinco días do encontro mundial das puntillas. O día de maior afluencia foi o venres, 29 de marzo, con 6.318 persoas. Destaca o número de veciños e veciñas do municipio que se achegaron ao evento este ano, 8.544 persoas, superando amplamente neste sentido a calquera edición.

Miriam del Río, de Miño, recibiu o premio á Colección máis comercial

Miriam del Río, de Miño, recibiu o premio á Colección máis comercial / Concello de Camariñas

Pola súa banda, a Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas confirmaron que, dende o xoves ata o domingo, visitaron as salas do faro Vilán un total de 566 persoas, das cales o 96% procedía de diversos puntos de España, sendo maioría os galegos (54%).

TEMAS