A entrega de Muxianas dá pé a outra liorta entre PP e goberno

Os populares din que os peregrinos marchan sen elas porque escasean

O alcalde négao e asegura que se están dando a todos os que a solicitan

Entrega da Muxiana a dous peregrinos na oficina de información turística

Entrega da Muxiana a dous peregrinos na oficina de información turística / C. Muxía

J. M. Ramos

O PP de Muxía denunciou o luns que os peregrinos que chegan á vila da Barca teñen que marchar “sen a Muxiana -a credencial do Camiño- pola escaseza das mesmas” e acusou ao goberno local (PSOE) de “falta de previsión, deixadez, incapacidade e desinterese polo sector turístico, que non conta con ningún tipo de apoio nin iniciativa de dinamización”.

Unhas acusacións que este martes rexeitaba o alcalde, Iago Toba, quen lamenta “a desinformación interesada dos populares que, unha vez máis, empregan esta estratexia de verter loiadas para facer política”. O rexedor asegura que “nunca un peregrino quedou sen Muxiana, pois o Concello incluso se ofrece a enviala por correo a todas as persoas que acrediten o seu percorrido e teñan algún tipo de problema no momento da súa recollida física”.

O PP tamén acusou ao alcalde de “non facer mención ao sector turístico” na entrega de premios de Booking. Toba pídelle á súa portavoz que volva ver o vídeo “e darase conta do seu erro e de que falta á verdade”.