Ribeira adxudica a reforma da Praza dos Estudantes, anunciada por Ruiz en 2018

Estado que presenta actualmente a Praza dos Estudantes

Estado que presenta actualmente a Praza dos Estudantes / Cedida

Suso Souto

O Concello de Ribeira adxudicou a renovación da Praza dos Estudantes cun orzamento de 82.227 € e un prazo de execución de 6 meses. Trátase dun espazo público moi deteriorado, punto de encontro e esparexemento especialmente para o alumnado dos centros de ensino da zona. Ademais, ten deficiencias de accesibilidade e problemas coa impermeabilización da pérgola.

A actuación proxectada consistirá na substitución do pavimento por unha nova capa de formigón, a renovación do revestimento das plataformas e a reparación da pérgola. Ademais, prevese o recheo do foso con terra vexetal fertilizada para a posterior plantación de céspede e distintos tipos de arbustos.

O axardinamento da praza e a renovación da pérgola son “investimentos pensados para mellorar a calidade de vida da comunidade proporcionando un ambiente atractivo e saudable”, dixo o alcalde, Luís Pérez, sobre unha actuación que xa o seu antecesor, Manuel Ruiz, anunciara en 2018.

TEMAS