Ames e Santiago conservan a Festa do Apego para darlle pulos ao idioma de Castelao e de Rosalía de Castro dende a nenez

O Pazo da Peregrina acollerá o 25 de maio unha xornada de balde chea de música, xogos, talleres, teatro e maxia

Este tipo de actividades suspendéronse “temporalmente” en 14 concellos, pero outros 16 manteñen o seu apoio 

Festa do Apego o 25 de maio no Pazo da Peregrina de Ames

Marcos Manteiga Outeiro

“O que se busca con estas xornadas é que os rapaces e as rapazas falen galego coas familias e que non se esquezan de falalo nas vacacións de verán”. Este é o testemuño do alcalde e edil de Normalización Lingüística de Ames, Blas García Piñeiro, na presentación da Festa de Apego, unha das últimas que quedan no entorno compostelán: a que acollerá o Pazo da Peregrina amesán o vindeiro 25 de maio, cunha xornada enteira chea de obradoiros, maxia, música e espectáculos de balde, e que se vén sumar á que celebran cada Nadal en Santiago.

E é que hai que lembrar que este programa colectivo para fomentar o galego como lingua inicial está presente en 16 concellos (Ames, A Coruña, Carballo, Carnota, Ferrol, Moaña, Narón, Carballiño, Oleiros, Santiago, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rois e Teo), pero noutros 14 aparece “temporalmente suspendido” (Vimianzo, Vilagarcía, Vigo, Sada, Rianxo, Ponteceso, Ourense, Negreira, A Baña, Nigrán, Muros, Mazaricos, Lugo e Cee).

Ao fío, o mandatario local explicou que “este programa é algo no que se leva traballando dende hai anos por diversos alcaldes de distinta ideoloxía. A nosa lingua é o tesouro máis grande que temos e é o noso deber coidala”. Na presentación da iniciativa estivo tamén o persoal do Servizo de Normalización Lingüística: Rosa Moreiras e Raquel Barbeito.

A festa comezará ás 11.00 horas con Carapuchiña e os 5 lobiños, de Ángeles Goás e Cristina Castro, un espectáculo no que a protagonista é unha Carapuchiña Vermella que vive unha aventura diferente, dirixido a entreter ás crianzas de 0 a 3 anos.

Ás 12.00 horas, turno para o Mago Paco e o seu espectáculo de maxia participativa Hocus Pocus, con xogos máxicos e sorpresas que deixarán coa boca aberta a xente grande e miúda. O Mago Paco, Fran Otero, é especialista en maxia infantil e familiar e os seus espectáculos caracterízanse por mesturar o ilusionismo e as artes escénicas. Esta xornada de mañá remata ás 13.00 horas co concerto de Golfiños e o seu espectáculo Silforiña, un grupo musical que trae ritmos e melodías diversas que beben de todos os estilos musicais. 

Títeres Babaluva retoma o programa ás 17.00 horas, con Filla do Cacharulo, unha peza teatral con música en directo dirixida á rapazada a partir de 3 anos coa voz de Mirari Urruzola e Merran Laginestra ao piano.

Ás 18.30 horas, chega Marta Ortiz co seu espectáculo Tralará, no que xunta contos, cantigas e obxectos, pechándose a celebración ás 20.00 horas cun concerto para todas as idades a cargo do grupo de música infantil Oviravai. Nel os asistentes cantarán e bailarán co seu último traballo: Paio e o poder da música.  

Actividades permanentes

Ao longo de todo o día 25 haberá actividades que estarán abertas de xeito permanente –en horario de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 20.00 horas, no patio do Pazo da Peregrina– nas que se achegará asesoramento personalizado ás familias sobre recursos lúdicos e formativos que poden ser útiles durante a crianza. 

Estas actividades son tamén espazos nos que a cativada terá ao seu dispor xogos de mesa, materiais naturais non estruturados para promover a creatividade e o xogo libre, unha ampla variedade de obras infantís para mergullarse na lectura compartida, un obradoiro de creación de personaxes con pasta de papel e outro obradoiro de tatuaxes e chapas con Apego para que todo o mundo leve un agasallo desta celebración. Prégase anotarse no email normalizacion@concellodeames.gal ou no teléfono móbil 662 377 215.

Achegar ferramentas

Pola súa banda, a técnica do departamento, Rosa Moreiras, sinalou que será “unha xornada completa de actividades e recursos, pensada para público familiar, co obxectivo de achegarlles ferramentas, referentes e xogos para favorecer unha crianza positiva e creativa en galego”.

A técnica de Normalización Lingüística, ademais, animou a participar en masa, confiando en que o tempo acompañe. Senón, trasladaríanse as actividades ata a casa da cultura de Bertamiráns.

Obradoiros para migrantes

Do mesmo xeito, no Concello lembran que ata o vindeiro 27 de maio as persoas interesadas poden inscribirse nos obradoiros de acollemento lingüístico En galego, co teu acento!, que busca aproximar á veciñanza á lingua e á cultura galegas, así como favorecer a cohesión social e a integración das persoas procedentes de fóra de Galicia. Haberá sesións de dúas horas durante un mes nas mañás dos luns, mércores e xoves. Anotacións no Servizo de Normalización da capital amesá, no Servizo de Atención ás Persoas Migrantes do Milladoiro, ou chamando aos teléfonos 662 377 215 e 981 535 941.

Suscríbete para seguir leyendo