COMERCIO

Chequeiras de 30 euros para que 1.330 laracheses aposten polo consumo de proximidade

A iniciativa enmárcase na campaña Eu merco na Laracha

O Concello aporta 40.000 euros para reactivar o pequeno comercio

Rocío López, esquerda, e o alcalde, José Manuel López, presentando 'Eu merco na Laracha'

Rocío López, esquerda, e o alcalde, José Manuel López, presentando 'Eu merco na Laracha' / C. L.

J. M. .Ramos

O Concello larachés ratifica o seu compromiso coa reactivación económica do pequeno comercio local poñendo en marcha a segunda edición de Eu merco na Laracha, á que vai destinar 40.000 euros.

Consistirá nunha campaña de bonos que se porán a disposición da cidadanía para empregar nos establecementos e servizos adheridos, subvencionando deste xeito as compras desde o Concello. O alcalde, José Manuel López, asegura que “ten múltiplos obxectivos complementarios entre si, porque ao mesmo tempo que se fortalecen e se poñen en valor os negocios e servizos locais, benefíciase a economía da veciñanza e foméntase o consumo de proximidade".

Ao igual que no ano pasado repartirán chequeiras por valor de 30 € que conterán tres bonos de 10 euros. Poderanse empregar para descontar por cada gasto de vinte euros nas compras. Haberá un total de 1.330 chequeiras a disposición da veciñanza. Poderán ser solicitadas ata o 30 de maio por calquera persoa empadroada que sexa maior de 18 anos na web https://eumerconalaracha.alaracha.gal/. No caso de que se rexistren máis solicitudes que bonos dispoñibles, para adxudicalos faríase un sorteo mediante un sistema electrónico de elección automática e aleatoria. Os bonos poderanse empregar entre o 10 e o 30 de xuño.

No caso dos establecementos comerciais e responsables de negocios e servizos laracheses que desexen sumarse ao programa, tamén deben inscribirse con data límite 30 de maio. Na web de Eu merco na Laracha, unha vez rematado ese prazo, serán actualizados todos os comercios e servizos adheridos nos que se poderán empregar os bonos.