“A Teo sempre lle terei moita estima”, conta Martín Mondragón, coñecido artisticamente como Mondra (Teo, 2000), cando se lle pregunta pola súa vila natal. O cantante destaca que “hai xente con moitísimo talento” dentro das fronteiras deste municipio da comarca de Santiago. Ademais, o artista admite que dende que se mudou a estudar á cidade “segue sentindo o mesmo cada vez que volve”. O rapaz de 24 anos ten unha idea recorrente na cabeza: “Devezo por ter unha casiña alí porque é o lugar onde mellor me sinto”. Máis alá do sentimental, a ligazón de Mondra con Teo tamén deixa pegada na súa propia música: “O meu sitio preferido é o monte da Grela e precisamente escollémolo como localización para o videoclip de Punheta!”.

O mércores pasado recibiu o premio Martín Códax na categoría Electrónica, o primeiro destes galardóns outorgados pola Asociación Músicas ao Vivo que consegue. Para este profesional do mundo artístico, que leva dende os sete anos ligado á música e máis de dous anos de maneira profesional, supón “unha alegría absoluta” e “o máximo recoñecemento que se pode dar”. Ademais, define a súas cancións como “artesanais e feitas con moitas horas de traballo en conxunto co produtor Berto”. O propio Mondra admite que é “inesperado” que “se recoñeza tan rápido” o traballo musical, en referencia a traxectoria profesional que leva.

Un xeración que pisa forte

A industria musical galega vive un momento de auxe coa nova xeración de artistas composta por cantantes como Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Ortiga ou o propio Mondra, entre outros. Para o teense trátase dunha “música moi colectiva agora mesmo” e subliña que “hai moitas artistas que levan picando pedra décadas que agora celebran este momento que temos”, en referencia ás dificultades que levan vividas os profesionais do sector. O intérprete de Beijos de LK constata que se está a ver que “a lingua non te límites” e que “as músicas de raíz teñen un alcance no que nunca se puido pensar”.

En relación ao papel da lingua galega na cultura, Mondra deixa claro que a música “ten que formar parte da reivindicación” sobre a necesaria presenza do galego na rúa. Para o músico, xornadas como a do Día das Letras serven para celebrar “todo o que acadamos” e para “pedir a berros todas esas cousas que todavía nos faltan”, en referencia “aos espazos que a lingua galega aínda non ocupa”. Por este motivo, o teense foi un dos milleiros de galegos que saíron o pasado 17 de maio ás rúas para reivindicar o uso do galego.

Botando a vista cara atrás

O artista de 24 anos bota a vista cara atrás e fálalle ao Martín cativo: “Diríalle que o está a facer ben, que facer tódalas cousas que lle gustan é un acerto. Ademais, que non se deixe levar polo que todos queren que faga ou estude”. Sumado a isto, diríxese á xente nova, o público maioritario do cantante, e apunta que é preciso que “haxa referentes” para todos eles e elas. Fai fincapé na “necesidade de formarse” para dedicarse ao mundo artístico como é a música. “Hai que facer caso ao que quere un mesmo e seguir para adiante con iso”, deixa claro o músico.

Ao ollar cara o futuro e falar dos seus desexos, Mondra destaca que “terse profesionalizado tan pronto na música é un soño cumprido”, en relación coa carreira meteórica que leva dende que comezou e que se acrecentou coa publicación do seu primeiro disco en 2023. Á marxe disto, resalta a “capacidade de vivir integramente da música” , xa que segue ser o seu obxectivo. O cantante aproveita a ocasión para reivindicar que os artistas “non vivan na precariedade” e que “non teñan que coller segundos ou terceiros traballos” para poder vivir. Resume esta meta, tanto persoal como para o resto dos compañeiros e compañeiras do seu sector, como “vivir con dignidade”. Ademais, quere “levar a nosa música a novos lugares, rompendo os límites”. Vaticina que “nos próximos anos” as “nosas músicas” chegarán máis alá do que o público galego viu ata agora.

Como mensaxe para as novas xeracións que comporán o mundo artístico do futuro, o músico dilles que “confíen en si mesmas e aínda que teñan dúbidas ou fallen, que abracen os seus erros”.