EMPRENDEMENTO

Os estudantes do instituto de Negreira coñecen o labor dos coworkers do espazo A Proa

O alcalde, Blas García, subliñou a importancia de brindar oportunidades a persoas con ideas novas

O alcalde, Blas García, e dúas concelleiras recibiron aos estudantes e profesores

O alcalde, Blas García, e dúas concelleiras recibiron aos estudantes e profesores / C. Ames

Redacción

Un grupo de 30 persoas, 27 alumnos e 3 profesores, do IES Xulián Magariños, de Negreira, visitaron as instalacións do espazo colaborativo A Proa para coñecer a experiencia laboral dos coworkers. Parte do alumnado está cursando o primeiro curso do ciclo medio de Técnico en Sistemas Microinformáticos e Redes, mentres que outros estudan primeiro do ciclo medio de Administración de Sistemas Informáticos en Rede.

Marcos Estévez, enxeñeiro forestal e consultor en bioeconomía, da empresa Amonte, explicoulles a súa experiencia en traballos de xestión agroforestal para persoas, e Rosa Taboada, de Martela Films, achegoulles o proxecto As labregas, un dos seleccionados do Ames AV LAB. Trátase dunha serie de ficción baseada en feitos reais que conta a historia dunha muller urbanita que chega a Ames, onde atopa unha serie de cartas que a levan a descubrir a historia das mulleres da súa familia. Tamén interviron Álvaro Liste e Noelia Papín de Serea Films; Carlos L. Ríos, de El creador de nubes; Dora Vieiro, da empresa Aquelando SL; e Luis Pombo, de Leiloio International.

Os estudantes foron recibidos polo alcalde, Blas García; a concelleira de Promoción Económica e Innovación, Ana Belén Paz; e maila edila de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto. O rexedor díxolles que “é moi importante proporcionar espazos de traballo ás persoas con ideas novas, para que teñan un lugar que permita fomentar as sinerxías entre os sectores económicos e os axentes sociais”.