FORMACIÓN

Aprendendo a preservar a paisaxe na Costa da Morte

A Fundación Eduardo Pondal forma a monitores ambientais para valorizar o medio natural desde unha perspectiva multidisciplinar

A Xunta de Galicia edita publicacións monográficas con consellos e recomendacións para avanzar na protección das diferentes formas paisaxísticas da Comunidade

Enrique de Salvador cos participantes no curso, no museo de Man de Camelle

Enrique de Salvador cos participantes no curso, no museo de Man de Camelle / Xunta

J. M. Ramos

Os concellos de Costa da Morte están a ser escenario formativo para un grupo de mozas e mozos que participan no curso de monitorado ambiental que organiza a Fundación Eduardo Pondal, de Ponteceso.

Esta semana, durante a súa estadía en Camelle (Camariñas), recibiron a visita do director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, quen lembrou que o Convenio Europeo da Paisaxe recolle a necesidade de “implementar medidas de sensibilización, formación e educación para comprender tanto a situación actual das contornas, como a súa evolución e influencia na sociedade”. 

Por iso, dende a Xunta de Galicia salientan a importancia de abordar o estudo da paisaxe desde unha perspectiva multidisciplinar que englobe tanto a realidade material e tanxible do territorio, como a súa dimensión social e histórica.

Así, o curso que se está a desenvolver na Costa da Morte aborda, entre outras cuestións, aspectos como o valor patrimonial da paisaxe; a súa importancia para garantir o benestar e a calidade de vida; a súa relevancia na formación da identidade individual e colectiva; a súa consideración como recurso económico, ou o seu papel como fonte de inspiración e soporte para a arte.

Afondar no coñecemento

Enrique de Salvador incidiu tamén na importancia de afondar no coñecemento para concienciar da importancia de garantir a preservación do patrimonio paisaxístico. Nese senso, lembrou que a Xunta puxo en marcha a Colección Paisaxe Galega, que consiste nun conxunto de publicacións monográficas elaboradas co fin de ofrecer consellos e recomendacións para avanzar na protección das diferentes formas de paisaxe existentes na nosa Comunidade, e que certo tipo de actuacións —edificacións de calquera natureza, peches, equipamentos de uso público, etc.— poidan lograr unha boa integración coa contorna onde se sitúan.

Na actualidade esta colección conta con 15 volumes relacionados coa integración e as boas prácticas en distintos eidos como os núcleos rurais, os espazos urbanos, os miradoiros ou os emprazamentos publicitarios, e complementase tamén co visor interactivo A paisaxe de Galicia desde a bicicleta e mais co Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos.

E, segundo indicou o director do Instituto de Estudos do Territorio, nos vindeiros meses está prevista a presentación de tres novas guías de boas prácticas, que abordarán a integración das terrazas no espazo público, que se está a consensuar co sector; a guía para a execución de áreas de lecer; e un novidoso manual metodolóxico para a análise da ordenación do territorio baixo os efectos do cambio climático.