O Festival Go!Go!Zo! concluirá cunha macroactuación no Monte do Gozo que atraerá a preto de 500 amantes da música de Galicia

Renderase homenaxe ao 30 aniversario do Xacobeo 93 cunha adaptación en galego de Bruce Springsteen, que actuou nese ano en Compostela

O festival ofrecerá tamén unha xornada solidaria este domingo 17 de setembro a favor do Banco de Alimentos de Santiago

Compoñentes da banda A Casa do Rock

Compoñentes da banda A Casa do Rock / Cedida

O festival Go!Go!Zo! porá o broche a case catro meses de actividades cunha nova edición da súa Macroactuación e dos Combos Musicais os vindeiros 23 e 24 de setembro para a que se prevé a participación de preto de 500 amantes da música. Pero antes de pechar esta edición, o domingo 17 de setembro, celebrará unha xornada especial de carácter solidario con actividades para toda a familia a favor do Banco de Alimentos de Santiago. A presentación destas actividades tivo lugar hoxe no Pazo de San Roque e contou coa presenza do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; do presidente do Banco de Alimentos de Santiago, José Pita; dun dos organizadores de Go!Go!Zo!, Julio Asorey, e dun dos fundadores da Escola A Casa do Rock de Santiago, Adrián Hernández.

Na súa intervención, Merelles gabou o labor de dinamización cultural e turística do festival Go!Go!Zo! “Desenvólvese nun espazo chave para miles de peregrinos dos cinco continentes, o que nos permite ofrecerlles un acollemento diferenciado”, indicou. Pola súa banda, Valentín García salientou a importancia deste tipo de propostas, incluídas dentro do ciclo Novas Músicas en Galego. “A través deste programa procuramos pór en valor o talento de Galicia con propostas innovadoras coma esta”, afirmou. Neste senso, felicitou á organización de Go!Go!Zo! “pola súa aposta polas novas promesas da música” e á Casa do Rock por facilitar “o desenvolvemento dunha iniciativa que atraerá máis de 500 persoas ao Monte do Gozo”.

A continuación, Julio Asorey agradeceu á Xunta “o seu apoio, xa que, sen el, non se podería desenvolver este festival nin actividades coma esta ou o XeneraSon Camp, que permitiu que preto dunha decena de mozas e mozos de Galicia participasen nunha formación inmersiva en Portugal”. Ao tempo, Asorey animou a toda a cidadanía a gozar de dúas fins de semana cheas de música e propostas culturais.

Julio Asorey, da organización do festival

Julio Asorey, da organización do festival

Adrián Hernández explicou como se desenvolverá a última fin de semana de Go!Go!Zo! Esta comezará o sábado 23 de 17.30 a 20.30 horas, coa primeira sesión dos Combos Musicais, que seguirán o domingo 24 nese mesmo horario. Participarán bandas das escolas de A Casa do Rock (Santiago), Rock School Escola (A Coruña) e DZetta Music Center (Vigo), “facendo de Compostela o punto central para unir ás escolas de música de Galicia”, detallou.

A actividade máis destacada será a Macroactuación organizada por A Casa do Rock, que terá lugar o domingo 24 de setembro ás 16.00 horas. Nesta terceira edición, realizarase unha homenaxe ao 30 aniversario do Xacobeo 93 e á apertura do complexo do Monte do Gozo a través de dous temas de referencia do rock. “Para esta ocasión, escollemos o Born in the USA, de Bruce Springsteen, que actuou nese mesmo ano aquí, do que se tocará unha adaptación ao galego”, explicou. Este tema foi interpretado na propia presentación. O outro single será “unha versión de Chuck Berry, Jonhny B Goode, que tamén actuou en Santiago hai tres décadas”.

Hernández lembrou que “calquera persoa pode participar. Só ten que traer o seu instrumento, un amplificador e unha regreta. Por loxística, deberanse anotar na web do festival. Aí tamén están dispoñibles as partituras para instrumentos e voces, adaptadas a diferentes niveis de dificultade”.

Xornada solidaria a favor do Banco de Alimentos de Santiago

Julio Asorey aproveitou a ocasión para lembrar que outro dos obxectivos do festival é “aportar o noso gran de area a algunha causa. E nesta edición, realizaremos este domingo 17 unha xornada solidaria con actividades para toda a familia a favor do Banco de Alimentos de Santiago”.

O programa estenderase de 11.30 a 20.30 horas. Haberá propostas para a cativada: actuacións de Peter Punk e Pakolas, concerto didáctico e máis de 30 xogos populares. Ofreceranse tamén as actuacións das bandas Nékrora, Onda Dagda e Shower Hell, que se sumarán á sesión que correrá a cargo do picadiscos Javissolla. Todas as propostas serán de balde, a excepción do xantar solidario. Terá un custo de 20 € e parte desta contía irá destinada ao Banco de Alimentos de Santiago.

O presidente desta entidade, Javier Pita, indicou que as instalacións de Go!Go!Zo! acollerán, “un espazo específico, no que explicaremos polo miúdo a nosa actividade. Tamén se poderán facer entregas de alimentos”, engadiu. Ademais, todas aquelas persoas que se acheguen a solicitar máis información sobre o Banco de Alimentos entrarán nun sorteo de entradas para o Museo MEGA de Estrella Galicia, colaborador desta iniciativa solidaria, ademais doutros interesantes premios.