Tanxugueiras súmase á banda sonora de Reina Roja, confirman novas datas... e máis

Estes días publicouse un avance do próximo Barómetro da Cultura Galega, a cargo do Consello da Cultura Galega, e o trío de pandereteiras aparece entre o máis destacado do sector cultural galego do pasado 2023

Tanxugueiras nunha actuación recente

Tanxugueiras nunha actuación recente / Tanxugueiras

El Correo Gallego

Desde hoxe está dispoñible a banda sonora orixinal de Reina Roja, serie de Amazon Prime Vídeo baseada na novela de Juan Gómez-Jurado e dirixida por Koldo Serra.

Composta por Víctor Reyes (Historias para no dormir, El Internado: Las Cumbres, Luces Rojas, etc, e gañador dun Emmy), conta con 28 temas musicais e tres covers exclusivas compostas para momentos específicos da historia, entre os que se atopa “No mires a los ojos de la gente”, interpretada por Tanxugueiras. A este tema súmanse “Maquillaje” de Maestro Espada, e o chotis “Madrid”, producido por Raül Refree e interpretado por Adriano Galante. “Reina Roja” é unha das grandes apostas de Amazon Prime para esta tempada, contando cunha repartición encabezada por Hovic Keuchkerian e Vicky Luengo para encarnar os principais personaxes, quen xa coincidiron na unanimemente agasallada Antidisturbios.

Estes días tamén se publicou un avance do próximo Barómetro da Cultura Galega, a cargo do Consello da Cultura Galega, e Tanxugueiras aparece entre o máis destacado do sector cultural galego do pasado 2023.

Cun 10,3% dos enquisados, e seguidas polo festival O Son do Camiño (10,1%) e a película 'O Corno' (7,4%) tras recoller as respostas de 960 entidades do sector, encabezan a lista cultural da Comunidade Autónoma un ano máis.

Ademais, foron nomeadas en seis categorías dos Premios MIN, podendo consultar e votar polas súas candidaturas desde a web dos Premios.

En canto a nova música, e tras a última colaboración con Valeria Castro no tema "Hoxe, mañá e sempre”, acaba de anunciarse que tamén formarán parte do novo disco de Bala, previsto para o día 26 de abril, e no que unirán forzas co dúo rockeiro nunha canción inédita titulada "Ouveo".

Tanxugueiras xa contan cun bo puñado de datas en directo para 2024, tendo xa estas paradas confirmadas para os próximos meses:

14/03 • MA Scène nationale - Théâtre de Montbéliard • (Francia)

13/04 • ZEID Fest • Barakaldo (Bizkaia)

14/05 • Rivas Vaciamadrid • Madrid

25/05 • Ouren Sound Fest • Benposta (Ourense)

10 a 13/07 • Pirata Beach Fest • Gandía (Valencia)

1 ao 3/08 • SonRías Baixas • Bueu (Pontevedra)

6 a 8/09 • Festival Osa do Mar • Burela (Lugo)

12 a 15/09 • Festival Revenidas • Vilaxoán, Vilagarcía (Pontevedra)

MÁIS SOBRE TANXUGUEIRAS...

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro

Son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.

O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que as fixo triunfar xa en escenarios de varios países.

Rayden nunha actuación con Tanxugueiras

Rayden nunha actuación con Tanxugueiras / Tanxugueiras

Aválanas éxitos como ‘Midas’, ‘Figa’, ‘Averno’ (colaboración con Rayden), ‘Pano corado’ ou ‘Terra’, tema co que se alzaron como favoritas do público no Benidorm Fest. Todos estes singles forman parte do seu último disco, "Diluvio", publicado en xullo de 2022 e que presentaron este 2023 nun potentísimo show, a Xira Midas.

Son o son dun pobo internacionalizado. Son a cultura tradicional na pista de baile. Son todos os mundos nun. Porque para Tanxugueiras “non hai fronteiras”.