Entrevista | Jaione Camborda Directora de 'O Corno', Concha de Oro no festival de cine de San Sebastián

“É un orgullo que haxa tanta xente en Galicia que sinta seu este premio”

A XVII edición do festival de Cine de San Sebastián premia a primeira película rodada en galego que chega a competir na sección oficial

A directora afincada en Santiago convértese na primeira muller española en gañar a máxima distinción do Zinemaldia

A directora Jaione Camborda levanta a Concha de Oro do festival de San Sebastián / Etxezarreta (efe)

A directora Jaione Camborda levanta a Concha de Oro do festival de San Sebastián / Etxezarreta (efe) / Valeria pereiras

“Xa é un premio poder estar nun lugar tan visible. Isto permite que a peli a vexa máis xente e quizais me facilite poder facer un próximo filme”, contaba a EL CORREO a realizadora Jaione Camborda uns días antes de triunfar en San Sebastián, festival no que “crecín e se desenvolveu a miña mirada”. Nacida en Donostia en 1983 e afincada no barrio compostelán de Sar dende hai máis de quince anos, Camborda xogaba na casa e facíao cunha película en galego, O Corno, que se alzaba coa Concha de Oro este sábado.

Todo un fito histórico, e non só porque se trata da primeira vez que un filme rodado na nosa lingua compite, e gaña, no Zinemaldia. Tamén porque esta victoria a converte a ela, Jaione Camborda, na primeira muller española en levantar a máxima distinción do prestixioso certame. A decisión do xurado, presidido este ano pola actriz estadounidense Claire Danes, pon fin nesta XVII edición a unha eiva que cumpría reverter. Toda unha proeza, a de Camborda, tendo en conta que competía con autores da talla do rumano Cristi Puiu, o francés Robin Campillo ou Joachim Lafosse e Xavier Legrand, nomes todos eles que figuran nos palmarés de Cannes ou Venecia.

“Estou un pouco abrumada, son moitas emocións e moita xente querida felicitándome, aínda non conseguín dimensionar o que supón este premio”, responde conmovida por teléfono. “Para min é un orgullo que desde Galicia haxa tanta xente que se alegre e sinta seu este premio. Especialmente toda a xente do cinema galego que o está a celebrar, para min son como da familia”, valora agardando “chegar á maior cantidade de salas posible e que a xente acuda a vela cando se estree o 11 de outubro”. Antes, este martes día 3 poderá visualizarse no marco do festival Curtocircuíto que proxecta a cinta na súa sesión inaugural. “Queriamos xuntar esforzos para facer algo moi bonito. A min sempre me gusta estar no Curtocircuíto, é un festival do que son moi fan, varias pezas miñas xa estiveron alí e non atopo mellor lugar para traela á casa”.

Solidariedade entre mulleres

Ambientado na Galicia rural dos anos 70, O Corno é un drama protagonizado por mulleres que colaboran en situacións límite e que comeza cunha secuencia impresionante dun parto e continúa cun aborto que desencadea a trama. Maternidade, dereitos que aínda hoxe deben ser reivindicados e sororidade atravesan esta historia interpretada de xeito maxistral por unha case debutante Janet Novás. “Ela ten un traballo na danza contemporánea moi potente e recoñecido”, explica Camborda, “recibiu o Premio Ojo Crítico o ano pasado. Invitámola ao casting porque eu buscaba un perfil moi físico, quería centrarme no corporal e a súa presenza podía aportar moito á personaxe”.

Confesa Camborda que a película tamén acompañou o seu proceso persoal de ser nai, e esa sensibilidade nótase en cada fotograma de O Corno. “Quería explorar esa capacidade da muller de dar luz e o que iso conleva. Poñela no centro e reproducir un parto dunha maneira máis mamífera, máis real. Interésame tratar o ser humano como máis achegado á terra e ao animal, mulleres fusionadas coa natureza. E nesta peli sigo tamén explorando ese concepto de mulleres un pouco espello, empáticas, que se miran e se sinten reflectidas as unhas nas outras”. O mesmo que sucede co seu filme, que conta con produción enteiramente feminina.

Jaione Camborda leva desde 2010 afincada en Compostela e aínda que asegura ser moi vasca, “non teño ningunha crise de identidade, pero síntome súper ben acollida en Compostela”. Tanto é así, di, que “xa teño dous picheleiros na casa”. Un ano despois de trasladarse a Galicia, Camborda creou a produtora Esnatu Zinema e a súa obra adoita enmarcarse baixo a etiqueta de Novo Cinema Galego. Traballou como directora de arte en Las altas presiones ou Encallados e é coguionista de filmes como Os fenómenos e Ons ambas as dúas xunto ao tamén director compostelán Alfonso Zarauza. Directora de catro curtas que tamén produciu, O Corno é a súa segunda longametraxe e chega catro anos despois de Arima. “Paréceme perfecto catro anos, con Arima foron doce. Permíteche ter tempo de madurar o filme. Non me gustaría máis tempo pero tampouco menos”.

Finalizado este proxecto, Camborda xa está a preparar o seguinte. “Cada filme deixa un certo baleiro que hai que vivir e soster pero xa noto que teño certas pulsións, ganas de empezar cun proxecto que teño en mente pero tamén me quero dar un tempo para estar segura de que é iso o que quero facer”. Polo momento viaxará a Londres, onde O Corno ten confirmada a súa participación no BFI film festival e ao Festival Internacional de Cine de Busan (BIFF), que se celebra en Haeundae-gu, Corea do Sur, e que é un dos festivais de cine máis importantes de Asia. “Agora quero centrarme nesta película e ver o que me devolve”. Canda ela leva o mellor pasaporte, unha Concha de Oro que é de xustiza e que abre camiño cara a diversidade e a igualdade no cinema español.