Síguenos en redes sociales:

A industria galega do deporte centra o principal reto dos próximos anos nas infraestruturas

Sofía Toro, xerente do Clúster Galego do Deporte, asegurou que “a entidade traballará para promover actuacións vinculadas á mellora da posición social e institucional do sector”

A industria galega do deporte centra o principal reto dos próximos anos nas infraestruturasCGD

O Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar organizou este venres 26 de abril o III Encontro do Deporte Galego, un evento no que o ecosistema da industria galega de deporte reuniuse para debater e reflexionar sobre o Plan de Infraestruturas de Galicia e para coñecer o novo Plan Estratéxico da entidade, que marcará a súa folla de ruta durante os próximos 4 anos.

Sofía Toro, xerente do Clúster, presentou ante as máis de 50 persoas que asistiron ao acto a nova folla de ruta da agrupación de empresas deportivas, un Plan Estratéxico elaborado para impulsar o crecemento das empresas, a innovación e incentivar a colaboración entre os axentes do sector.

Durante a presentación, a xestora da entidade subliñou que haberá tres liñas de traballo que marcarán o plan de acción do Clúster: recoñecemento, influencia e accións de alto impacto. Sofía explicou que “a entidade traballará para promover actuacións vinculadas á mellora da posición social e institucional do sector, realizar accións encamiñadas a impactar na toma de decisións que afecten á industria, e a fomentar e colaborar na execución de accións que melloren a competitividade do sector”.

A xerente da agrupación empresarial tamén engadiu que estas liñas de traballo moveranse entorno a 4 eixos estratéxicos, “como son o fomento da actividade física e deportiva, a mellora da competitividade do sector, o fomento das relacións intersectoriais e coa administración, e a consolidación e proxección do Clúster”.

En verbas de Sofía Toro, “o Clúster naceu e traballa día a día coa filosofía de ser unha entidade valiosa para todas e cada unha das empresas que compoñen a industria do deporte e o benestar, para promover hábitos de vida saudable e para ser unha entidade que mellore a calidade de vida dos galegos e galegas”.

Sofía Toro, xerente do Clúster Galego do Deporte

As infraestruturas, protagonistas do encontro

Ao longo da mañá, ademais da presentación do Plan Estratéxico, levouse a cabo unha xornada de debate sobre os retos aos que se enfronta a nosa comunidade autónoma nos próximos anos en canto a construción e renovación do parque de infraestruturas. 

O evento foi inaugurado por Pilar Lueiro, concelleira de Deporte de Santiago de Compostela, que estivo acompañada por Iván Clavel, xerente da Fundación Deporte Galego; Javier Rico, delegado do Reitor para o Deporte da Universidade de Santiago de Compostela, e Jose Amado, presidente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar.

Esta benvida institucional deu paso a unha mesa redonda que abordou en profundidade as necesidades de Galicia en canto a infraestruturas deportivas, de investimentos e do impacto dun novo Plan de Infraestruturas no Plan 2 Millóns. 

Esta mesa redonda estivo composta por Ricardo Aldrey, concelleiro de Deportes do Concello de Ferrol; Felipe Carrascosa, director de contratación de Civis Global; Carlos Mezquita, socio de Nimo/Mezquita Arquitectura, e Javier Rico, delegado do Reitor para o Deporte da Universidade de Santiago de Compostela.

Tras esta mesa de debate abriuse un espazo de presentación de proxectos ou iniciativas que veñen a poñer resposta aos retos do deporte galego en canto a infraestruturas deportivas e a adaptarse ás novas necesidades da sociedade. Aquí participaron Kompan, Box004, a Federación Galega de Piragüismo e a Fundación Enki.

Kompan é unha empresa que deseña e instala parques infantís e áreas de fitness exterior que utiliza maquinaria moderna e coas últimas tecnoloxías. Jaime López Moretón foi o encargado de amosar os proxectos que están a instalar por toda Europa e que chegarán a Galicia proximamente cun novidoso ximnasio exterior en Pontevedra.

Tamén intervíu Box004, marca galega de ximnasios de fitness que está a expandirse por todo o noso territorio, levando a diferentes concellos galegos unha modalidade deportiva que é tendencia. Luis Lalín, socio fundador, falou do seu modelo de instalacións, centradas no adestramento funcional, cunha filosofía clara centrada en deseñar instalacións deportivas de grande magnitude e instalacións máis pequenas pensadas para centros urbanos.

A Federación Galega de Piragüismo trouxo ao encontro unha proposta de instalacións costeiras para a práctica de deportes acuáticos. O seu presidente Fredi Bea incidiu na importancia de apostar polos deportes na natureza.

Por último intevíu a Fundación Enki, que conta cunha ampla experiencia no sector e que amosou os retos que ten por diante o parque de infraestruturas galego en canto a instalacións accesibles que favorezan a inclusión no deporte. Sara González, terpaeuta ocupacional da entidade, e Ángel López, presidente de Enki, mostraron as deficiencias actuais e amosaron casos de boas prácticas.

Pulsa para ver más contenido para ti