Verea propón o soterramento do tráfico entre A Senra, Praza de Galicia e Virxe da Cerca

O candidato do PP en Santiago destaca que esta actuación, que levaría o nome de ‘Paseo de Galicia’, permitiría reducir ao mínimo o paso en superficie de vehículos e priorizar a circulación peonil

Imaxe virtual da Rúa da Senra que inclúe o proxecto de soterramento do tráfico rodado nesta zona

Imaxe virtual da Rúa da Senra que inclúe o proxecto de soterramento do tráfico rodado nesta zona / JACOBO TÁBOAS

O candidato á Alcaldía de Santiago inclúe no seu programa, como unha das actuacións máis relevantes no caso de acadar a Alcaldía, o proxecto de soterramento do tráfico rodado no ámbito comprendido entre Virxe da Cerca ata Avenida de Xoan Carlos I, incluíndo Praza de Galicia, A Senra e Porta Faxeira. Esta proposta, baixo o nome de Paseo de Galicia, “permitirá reducir ao mínimo o paso en superficie de vehículos, para priorizar a circulación peonil, coa intención de crear un gran espazo para a estancia duns 20.000 m2, que equivalerían aproximadamente a tres veces a superficie da Praza do Obradoiro”, indicou onte Borja Vera durante a presentación do proxecto.

Contempla un túnel e zona peonil na Virxe da Cerca

Contempla un túnel e zona peonil na Virxe da Cerca / JACOBO TÁBOAS

Dende a lista popular din que con esta ampla superficie peonil –na que se instalarán zonas verdes e arborado, zonas de xogos infantís e zonas de estancia con mobiliario urbano– mellorarase de forma notable para a cidadanía a conexión do núcleo histórico co Ensanche. “Estamos ante un proxecto que creará un novo concepto de cidade, unha infraestrutura que definirá a Compostela do século XXI”, sinalou o candidato popular. Ademais, engadiu que suporá “a completa integración do casco histórico co Ensanche, un gran espazo peonil que será o símbolo dunha nova xeración, proxecto integral de 360 graos, que humanizará un gran entramado urbano, aliviará a circulación de vehiculos e facilitará aparcadoiro”.

O número 1 da lista popular á Alcaldía de Santiago sinalou tamén que “estamos a falar dun proxecto que pechará o puzzle das máis valiosas pezas do mosaico compostelán e conseguiremos unha cidade nova”. “Este Paseo de Galicia –sinalou– permitirá a Compostela exhibir o seu liderado institucional e social, ser cómodo para quen a habita e ser inolvidable para quen a vista”. “O propio nome representa precisamente esa renovación da nosa vocación universal e da nosa vocación cosmopolita; será o paseo de todos os galegos reforzando a nosa capitalidade emocional e sentimental”, salientou Verea.

Para levar a cabo o soterramento do tráfico, explicou, proxéctase a construción dun túnel duns 1.500 metros de lonxitude por onde discorrerían as vías de circulación e dous aparcamentos, na Praza de Galicia e no Mercado de Abastos. O candidato popular apuntou que o sistema construtivo basearíase na instalación dunha pantalla de microestacas con armadura de perfil tubular de aceiro, que se executaría previamente ao inicio dos traballos de escavación e que, xunto cunha lousa superior e inferior de formigón armado, conformaría o perímetro do túnel. Con este método, afirmou Vera, “preténdese mitigar as incomodidades dunha obra desta magnitude e reducir o seu tempo de execución”.

No ámbito da actuación poden distinguirse dúas zonas: unha primeira, entre a contorna da Praza de Galicia e do parque da Alameda, con accesos do túnel á superficie nos ángulos do IES Rosalía de Castro coa Avenida de Figueroa e a rúa San Clemente, por un dos laterais, e na Avenida de Xoán Carlos I a calzada volvería a aflorar pasadas as escaleiras que conducen a Montero Ríos. Unha segunda zona da actuación, máis estreita, iría desde a Praza de Galicia pola rúa de Santo Antonio, Tránsito da Mercé, Ensinanza e Rúa Virxe da Cerca ata o cruce coa rúa Tafona, onde o trafico volvería a circular en superficie pasadas as escaleiras de acceso á Praza de Abastos. Na superficie estaría permitido a circulación para o transporte público, dándolle acceso tamén aos colexios, usuarios do Mercado, provedores e propietarios da zona.

Prazos e financiamento

O custo aproximado do proxecto rondaría os 40 millóns de euros, que poderían executarse en varios tramos, o que suporía unha inversión de arredor de 13 millóns de euros por fase. Neste senso, Verea lembrou que este tipo de actuacións xa se fixo ou se está facer noutras cidades como A Coruña ou Vigo, cun gasto de 50 millóns de euros no caso do Parrote coruñés e máis de 30 no túnel da Porta do Sol de Vigo e a súa contorna.

Dende o PP indicaron que o orzamento da obra virá dado polo proxecto construtivo e para o seu financiamento procurarase, a igual que nas cidades anteditas, a participación doutras administracións e ao financiamento con fondos europeos, tendo en conta o doado encaixe desta actuación nas liñas promovidas e apoiadas pola UE para a transición verde, a mobilidade sustentable, a redución de CO2 e mesmo a mellora e competitividade dos destinos turísticos. “Estamos a falar dunha financiación mixta onde entrarían todas as administracións, local, provincial, autonómica, estatal e europea, por tratarse dun proxecto transversal e transformador de toda a cidade de Santiago e pensando para todos os galegos”, sinalou Verea.