A candidatura de Borja Verea: un proxecto de goberno a dez anos para transformar a cidade

Durante a presentación, o líder do Partido Popular en Santiago advertiu que precisa “un voto máis” cos que sumen o “tripartido” PSdeG, CA e BNG

Borja Verea presentou onte pola tarde a súa candidatura á alcaldía de Santiago / jesús prieto

Borja Verea presentou onte pola tarde a súa candidatura á alcaldía de Santiago / jesús prieto / ana triñáns

O deputado do Partido Popular (PP) Borja Verea presentou no serán de onte a súa candidatura á alcaldía de Santiago, e fíxoo nun café da rúa Tras do Pilar acompañado pola súa número dous, María Baleato, e a máis nova da lista do PP as municipais compostelás, Nerea Barcia. Durante o encontro, Verea aludiu o seu lema de campaña Compostelaré, Santiago en Futuro porque “hoxe todo o mundo sabe que hai dúas opcións: ou un goberno en forma de tripartito perdedor, ou un goberno de futuro, o noso, para levar Santiago ao século XXI”, afirmou.

Borja Verea, que propón para gobernar un proxecto a dez anos que permita “a segunda transformación” da cidade, incidiu en que “hai unha realidade e é que necesito un voto máis que eles tres xuntos”, en referencia a Xosé Sánchez Bugallo (PsdeG), María Rozas (CA) e Goretti Sanmartín (BNG), “porque non van tardar nin un minuto en formar ese tripartido de perdedores”.

Sobre o equipo que compón a súa candidatura, Verea explicou que “están preparados para gobernar desde xa”. Un elenco que ten en común, segundo o candidato popular á alcaldía, que “ningún dubidou nin un minuto en sumarse a este reto e cumpren os tres requisitos dos que sempre falei cando me preguntaban pola lista: renovación, capacidade de xestión e compostelanismo”. Unha característica xeral que segundo Verea se enriquece coas singularidades, “diferentes idades, diferentes profesións, diferentes barrios e parroquias, e diferentes formas de vivir e entender a cidade”.

En canto empezou a debullar as liñas do programa popular para Compostela, Borja Verea convidou ao actual alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a que “siga copiando máis propostas como a de dividir os pisos e facilitar a rehabilitación no Casco Histórico, cando hai tan só 15 días criticaba publicamente a nosa medida”. En relación coa vivenda, Borja Verea tamén propuxo, durante a precampaña electoral para as eleccións do 28 de maio, habilitar os baixos do barrio de Conxo para que poidan ser habitados.

Outra das medidas propostas por Verea, e da que acusa a Bugallo de copiarlla, é a recuperación do aparcamento da Praza de Galicia, asunto sobre o que o popular afirmou que “o candidato socialista votou en contra no pleno; un síntoma máis de que Bugallo está esgotado e sen ideas”.

Na relación de propostas da candidatura de Borja Verea á alcaldía de Compostela, tamén destacan a creación dun ambicioso complexo deportivo no barrio de Santa Marta, con piscina olímpica, facilitar o aparcamento na Praza de Abastos, crear unha Rede Pública de Cociñas para abastecer os comedores escolares ou a organización dunha Semana Portuguesa.

Durante a presentación da lista tamén interviu a número dous, María Baleato, que destacou que se sente “moi orgullosa de formar parte da candidatura de Borja Verea”, xa que, “el foi quen me trouxo de volta ao meu Santiago, e grazas a el traballo na miña cidade, onde son feliz, coa miña familia, cos meus amigos, cos meus veciños...”.

A máis nova do equipo, Nerea Barcia, natural de Figueiras, tamén se dirixiu aos asistentes para agradecer o compromiso de Verea co rural e coa mocidade, “eu son o exemplo dese compromiso”, dixo, e prometeu traballar con todas as súas forzas para devolver ao rural a dignidade que merece.