Borja Verea propón un ambicioso complexo deportivo en Santa Marta con piscina olímpica

O novo complexo situaríase inmediato ao aparcadoiro disuasorio e contaría con pista polivalente, instalacións anexas e piscina cuberta climatizada olímpica de 50 metros, desbotando o anteproxecto da piscina de 25 metros nunha finca menor que Bugallo presentou.

Proxecto da piscina olímpica de 50 metros

Proxecto da piscina olímpica de 50 metros / ECG

Redacción

O candidato á Alcaldía de Santiago, Borja Verea recolle no seu programa de Goberno a construción dun novo complexo deportivo no barrio de Santa Marta que incluirá unha piscina olímpica de 50 metros, homologable para a celebración de competicións oficiais de carácter internacional.

A iniciativa vai dirixida a compensar a oferta de grandes instalacións que existen na zona norte (San Lázaro-Fontiñas) e na zona centro (Santa Isabel), creando na zona sur da cidade un complexo con pista polivalente, instalacións anexas e unha piscina climatizada cuberta de 50 metros de lonxitude, para dar resposta principalmente ao progresivo crecemento demográfico dos barrios de Santa Marta, A Choupana e de boa parte de Conxo.

Aínda que a proposta está perfectamente definida en canto á localización e características básicas, o imprescindible proxecto técnico e construtivo encargaríase nos primeiros meses do mandato e para a súa execución solicitaríase a colaboración financeira doutras administracións, comezando cos 2 millóns de euros que a Deputación da Coruña acordou dirixir ao mantemento do vello edificio da Casa da Xuventude, na Praza do Matadoiro, onde o Partido Popular propugna o seu derrubo para conectar a zona histórica co Parque de Belvís.

Plano de onde se ubicaría o complexo

Plano de onde se ubicaría o complexo / ECG

Pista polivalente, dúas piscinas, zonas de exercicio e saunas

A proposta do candidato popular para Santa Marta será unha estrutura integrada no medio que contará cunha pista polivalente, con vestiarios e instalacións anexas, e que integrará tamén unha piscina cuberta climatizada “olímpica” de 50 metros de lonxitude. A existencia dunha instalación destas características, permitirá a celebración de probas de competición oficial autonómicas, nacionais e mesmo internacionais, abrindo novas oportunidades para a celebración de eventos deportivos con grandes posibilidades para dinamizar a economía local. 

Ademais, estas instalacións complementaríase con outros servizos para a cidadanía, como unha piscina de menor tamaño para iniciación, zonas de exercicio, saunas e outros servizos relacionados co coidado e o benestar corporal.

O complexo estaría localizado entre as rúas Feliciano Barrera e Trece Rosas, nos terreos inmediatos ao actual aparcadoiro disuasorio de Santa Marta, na parte libre desta extensa parcela municipal, que a planificación urbanística ten clasificado como “equipamento”. A parcela conta cunha superficie dispoñible superior aos 7.000 metros cadrados, practicamente outro tanto como o que ocupa a área de estacionamento gratuíto existente, que podería prestar servizo tamén para as persoas usuarias da futura instalación deportiva. Esa circunstancia beneficiaría a conectividade do equipamento, ao igual que a liña de transporte de alta frecuencia que ten a súa parada na entrada do aparcadoiro e que enlaza o Hospital Clínico co centro da cidade.

Fronte ao anteproxecto presentado por Sánchez Bugallo ao inicio do período electoral e custeada con fondos públicos, a proposta de Borja Verea supón a posta en valor dunha parcela maior, con case o dobre de superficie, cunha maior oferta de actividades deportivas nucleadas arredor dunha instalación olímpica e inmediata a unha gran área de estacionamento, mentres se mantén a parcela situada no centro da urbanización -na que o candidato socialista pretende erguer o seu proxecto- que se consolidaría definitivamente como unha zona verde que sería ampliada e mellorada, para converterse nun parque de referencia para a cada paso máis numerosa veciñanza desta zona sur da cidade.

Continuación da urbanización e nova zona axardinada

Polo que respecta á distribución da parcela que se propón, na parte que non ocupe a construción, dispoñerase unha nova e coidada zona axardinada ata cubrir a totalidade do terreo, facilitando a accesibilidade, tanto ao aparcadoiro público como ao conxunto das vivendas dos arredores, que poderían contar ademais así cunha axeitada zona para o desfrute e o lecer.

O acceso principal ás instalacións faríase a través das rúa das Trece Rosas, que parte da Avenida da Liberdade, e que na actualidade remata xusto onde se atopa esta parcela. Desta forma, a construción do complexo suporía tamén a continuación da urbanización da zona, favorecendo a integración na trama urbana desa parte da cidade entre Santa Marta e Conxo de Arriba que actualmente se atopa sen desenvolver, mellorando as súas condicións e a súa funcionalidade.