María López Sández ingresa como membro de número da Real Academia Galega

A filóloga e escritora pronunciará o discurso titulado Onde abrolla o manancial: a paisaxe na raíz do ensaísmo galego, ao que lle dará resposta en nome da institución a académica Marilar Aleixandre // A sesión extraordinaria e pública terá lugar no Círculo das Artes a partir das 12:00 horas. Tamén poderá seguirse en directo dende academia.gal

Maria-Lopez-Sandez

Maria-Lopez-Sandez / RAG

Agencias

O Círculo das Artes de Lugo acollerá este sábado a sesión extraordinaria pública da Real Academia Galega na que María López Sández (1973) ingresará como membro de número da institución. A filóloga e escritora pronunciará na súa cidade natal o discurso titulado Onde abrolla o manancial: a paisaxe na raíz do ensaísmo galego, ao que lle dará resposta en nome da institución a académica Marilar Aleixandre. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. A sesión poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.

María López Sández ocupará a vacante producida en novembro de 2021 polo pasamento de Darío Xohán Cabana. Profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela e catedrática en excedencia do ensino secundario, a académica de número electa investiga no campo literatura galega e da sociolingüística, e tamén é autora de ficción literaria. A paisaxe na literatura galega é un eixe central da súa investigación dende os comezos. A este tema dedicoulle a tese de doutoramento de literatura comparada, na que se basea Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio (Galaxia, 2008),  obra merecedora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007 e texto de referencia na relación da literatura galega co territorio. Como autora de ficción, conta tamén co Premio Repsol de Narrativa Breve (2012) por A forma das nubes.

 A rigorosidade e a multidisciplinariedade son dúas constantes na traxectoria de María López Sández. Licenciada en Filoloxía Galega, Hispánica e Inglesa, foi premio fin de carreira de Galicia e segundo premio nacional de Terminación de Estudos Universitarios de Filoloxía. Tras a tese que centrou en Rosalía de Castro, Otero Pedrayo e Ferrín, seguiu a afondar no estudo da descrición da paisaxe atendendo os imaxinarios rurais e urbanos en autores como Eduardo Blanco Amor e Carlos Casares e mais a análise semiótica da cartografía, subliñando a centralidade cultural do mapa de Domingo Fontán.

 A filóloga participou ademais en proxectos que indagan na relación entre lugares da xeografía galega e a literatura a través das humanidades dixitais (compostelaxeoliteraria.org) e sobre Rosalía de Castro. Un dos últimos traballos que dedicou á autora fundacional das letras galegas contemporáneas é o herbario literario Nasín cando as prantas nasen (2022), un achegamento botánico á obra rosaliana asinado xunto a María Isabel Fraga Vila e Miguel Fraga Vila. A contribución completouse cun herbario físico que, tras dar lugar a unha exposición no Real Xardín Botánico de Madrid, foi cedido á Casa Museo Rosalía de Castro, de cuxo padroado é membro. A súa achega máis recente arredor de Rosalía é a publicación Mordouelias, Rosalía e As Terras da Maía (2023), na que repasa a relación entre a escritora e o val da Maía.

 María López Sández é tamén coautora d’O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021), xunto a Marilar Aleixandre, e coordinadora da sección “O espello das letras” da revista Grial.

 Sociolingüística e didáctica

No campo da sociolingüística, ten realizado diversas contribucións dende o eido da educación. Coordinou o equipo de traballo da Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO (2020) e é coautora de Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames, ambas as publicacións do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, do que é colaboradora.

Como docente e experta en didáctica da lingua e da literatura publicou libros e outros materiais didácticos e imparte ás futuras e aos futuros mestres materias de perfil sociolingüístico dende unha ollada cara á promoción do galego no ensino ao longo de todas as etapas.

Como creadora literaria, tras A forma das nubes (2012), gañadora do Premio Repsol de Narrativa Breve, publicou O faro escuro (2015), finalista do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia; A noite Deusa (2020), finalista do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña; e Illados. Diario da pandemia (2020). Conta ademais cunha columna semanal en La Voz de Galicia.