Da terra e do mar, un vínculo que une Pontevedra co Sur Global
O programa Somos Ponte reúne o luns 19 de outubro produtoras de alimentos da provincia, Honduras e Guatemala para compartir experiencias e abordar retos comúns
Participantes do proxecto «Mulleres á fronte do Sur global». / Mulleres á Fronte
Iker Cotón
O salón de Plenos do Pazo Provincial de Pontevedra acollerá o vindeiro luns 19 de outubro o encontro «Mulleres da terra e do mar de Pontevedra e o Sur Global». Esta cita pretende dar visibilidade aos vínculos produtivos entre a provincia pontevedresa e os países do Sur Global, ademais do papel social das produtoras como garantes da soberanía alimentaria.
O espazo está dirixido especialmente a mulleres rurais e a aquelas que desenvolven a súa actividade nos sectores do mar e do campo, así como noutros ámbitos relacionados, como o ensino, a investigación, a innovación social, a cultura e a arte. As interesadas en participar deberán inscribirse a través dun formulario.
O encontro contará coa participación das produtoras agropecuarias Dilma Cruz, de Honduras, e Élida Súchite, de Guatemala; da mariscadora, pescadora e defensora ambiental hondureña Antonia Mejía; de Hadee Méndez, integrante da asociación guatemalteca para a defensa do hábitat MejorHa; e de Haydée Castillo, defensora nicaraguana dos dereitos humanos cunha ampla e recoñecida traxectoria.
As actividades
A xuntanza pretende visibilizar a situación das traballadoras do sector primario en diferentes territorios e compartir as estratexias das mulleres do Sur Global fronte a retos como a igualdade, o cambio climático e a soberanía alimentaria. Entre as propostas da xornada figuran o intercambio de experiencias e a presentación de proxectos educativos da provincia distinguidos co Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global.
A arte tamén terá o seu espazo en «Mulleres da terra e do mar de Pontevedra e o Sur Global», con dúas propostas participativas. Raquel Doallo, de aopaso, conducirá un obradoiro de regueifa no que as participantes elaborarán un manifesto colectivo. Pola súa banda, as coreógrafas Eva Comesaña e Alejandra Balboa desenvolverán «A beira», unha actividade de expresión corporal e danza que transformará as reflexións compartidas durante a xornada nunha posta en escena colectiva.
O programa
A xornada comezará ás 10.00 horas cunha benvida institucional a cargo de María Paz, presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, e Paula Bouzós, deputada de Benestar Social da Deputación de Pontevedra. A continuación, entre as 10.15 e as 12.00 horas, celebrarase un espazo de escoita e diálogo entre mulleres da provincia e do Sur Global.
Tras unha pausa para o café, ás 12.30 horas será a quenda das experiencias educativas. O profesorado e o alumnado dos proxectos recoñecidos co Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global compartirán as súas aprendizaxes. Participarán o IES Plurilingüe de Valga, co proxecto Cultivando conciencias, colleitando futuros, e o IES Luís Seoane de Pontevedra, coa feira de consumo responsable Re-Etika.
Ás 13.15 horas desenvolverase o obradoiro de regueifa e, ás 14.30 horas, as asistentes compartirán un xantar colectivo. A xornada concluirá ás 18.00 horas coa posta en escena colaborativa resultante de «A beira».
Compromiso local, xustiza global
Esta é a cuarta edición na que Somos Ponte pon o foco nas conexións entre a provincia de Pontevedra e o Sur Global. Baixo o lema «Compromiso local, xustiza global», a organización busca visibilizar os vínculos de cooperación e desenvolvemento entre os dous territorios.
Froito da colaboración entre Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGD, o programa achegou á cidadanía distintas realidades e iniciativas internacionais. Na edición de 2025, as persoas participantes puideron coñecer a dimensión comunitaria da auga a través da experiencia da defensora dos dereitos da comunidade Maia Mam Juventina López. Un ano antes, o foco estivo nas propostas innovadoras en materia de educación inclusiva en Guatemala, mentres que en 2023 se ofreceu unha panorámica sobre a cooperación. Estas e outras actividades de sensibilización e divulgación desenvolvéronse en distintos concellos da provincia.