Xente marabillosa aborda esta noite, ás 22.35 horas na TVG, o problema das estafas a persoas maiores. O obxectivo do programa, que presenta Lucía Rodríguez, é visibilizar un problema máis habitual do que semella, xa que a maioría das persoas que o sufre non o denuncia por vergoña ou polo que dirán os seus amigos ou familiares. Por este motivo, a emisión tratará de animar aos afectados a denunciar os feitos.

Para elo, emitiranse dúas novas cámaras ocultas que teñen como protagonista unha estafa bastante común: o falso técnico dunha compañía eléctrica que pretende facer crer que un aparato medidor está danado polo que se ofrece a solucionar o problema a cambio dun pago en efectivo. Ameaza, en caso de non facerlle caso, con que a empresa suministradora cortará inmediatamente a luz. Por sorte, dúas mulleres marabillosas evitarán a estafa, defendendo con todas as súas forzas á suposta víctima.

Ambas serán recibidas con todos os honores no estudio do programa da TVG nunha noite que promete, de novo, ser memorable. Estará chea de sorpresas de amigos e familiares das dúas protagonistas e tamén de algún que outro regalo inesperado. Todo sen esquecer a actuación musical que correrá a cargo da cantante e compositora de fado María do Ceo.

Nesta ocasión, Xente marabillosa conta coa participación do actor César Cambeiro, con décadas de traxectoria no audiovisual galego e no teatro. Ademais de ser o padriño no programa desta noite, explicará ao público a súa propia experiencia coas estafas. Tamén estará presente na emisión desta noite o xefe do equipo @Coruña da Garda Civil.

O programa, convertido en todo un fenómeno dende a súa aparición nas pantallas da canle autonómica, tamén explicará, coa axuda da Garda Civil, os pasos que dan os estafadores. Primeiro, localizan a persoas de avanzada idade que viven soas e, a miúdo, “cun grande deterioro das súas facultades de comprensión”. Despois preséntanse nas súas casas para convencelos de que compren productos que non precisan a precios desorbitados e fan o cobro en efectivo ou mediante financiación. Incluso en ocasións acompañan á vítima ata un caixeiro automático ou a unha entidade bancaria para retirar os cartos.

Este é un dos moitos fraudes a persoas maiores en Galicia, onde unha de cada catro persoas ten máis de 65 anos de idade e onde tiveron lugar nos últimos anos numerosas estafas que deixan ás víctimas desamparadas, sen diñeiro e incluso con importantes débedas que non son quen de afrontar.