O programa de conciencia social Xente Marabillosa, que se emite cada mércores pola noite en horario de prime time na Televisión de Galicia, alcanzou esta semana o seu mellor dato da tempada cun 10,7% de cota de pantalla e 210.000 espectadores únicos coa súa receita de empatía e solidariedade.

Con estas cifras, o programa que presenta Lucía Rodríguez posiciónase como líder absoluto do prime time dos mércores en Galicia fronte a todas as canles nacionais, co que volve definirse –xunto a TV3– como o contido de prime time máis competitivo de todas as cadeas autonómicas do país asociadas á FORTA.

Uns resultados de audiencia que apontoan a aposta da TVG por este formato, xa consolidado entre o público galego tras a espectacular estrea da súa primeira tempada a principios de ano e o magnífico arranque da súa segunda tempada o pasado mes de outubro.

Próximo programa

Na próxima entrega de Xente Marabillosa, que terá lugar este mércores a partir das 22.40 horas na TVG, o programa de servizo público e conciencia social máis emocionante da televisión centrarase nas estafas ás persoas maiores, un delito que afecta a máis persoas das que parece e que, en moitos casos, nin sequera denúnciase.

Precisamente, para poñer sobre a mesa a magnitude do problema, Xente Marabillosa contará nesta ocasión coa participación do queridísimo e admirado actor César Cambeiro, con décadas de traxectoria no audiovisual galego e no teatro. Ademais de ser o padriño do programa, fará referencia á súa propia experiencia coas estafas, unha realidade que foi en aumento nos últimos anos. Algo que tamén explicará o xefe do equipo @Coruña da Garda Civil.

Doutra banda, para visibilizar este tipo de fraudes e concienciar aos afectados sobre a necesidade de denuncialos, retransmitiranse dúas novas cámaras ocultas que teñen como protagonista a unha estafa bastante común: o falso técnico dunha compañía eléctrica que pretende facer crer que un aparello medidor está danado e ofrécese a solucionar o problema a cambio dun pago en efectivo. Pola contra, a empresa cortará inmediatamente a subministración eléctrica. Por sorte, dúas marabillosas mulleres evitarán a estafa, defendendo con uñas e dentes á suposta vítima.

A clave do éxito de 'Xente Marabillosa'

Desde a súa chegada a Galicia, Xente Marabillosa converteuse nun fenómeno que traspasou a pantalla da televisión e conta con decenas de miles de fieis seguidores na internet, onde cada semana as cámaras ocultas acumulan centenares de miles de reproducións e convértense en contido viral pola súa emoción, interese e capacidade de transmitir os máis profundos valores sociais.

O formato conta ademais cunha personalidade moi distintiva no tratamento que se lle dá aos temas de cada semana. Así, Xente Marabillosa prepara cuestións de total actualidade e non pouca intensidade como son o alzheimer, o suicidio, os conflitos polas lindes de terreos ou a xenofobia; expostos sempre desde o respecto, a sensibilidade e a proposta en positivo.