Charla ‘Palestina: dereitos en risco, humanidade en acción’ no Principal 

O Teatro Principal acolle esta tarde, ás 19.30h., a charla ‘Palestina: dereitos en risco, humanidade en acción’ organizada pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas e o Comité Español de UNRWA (Axencia da ONU para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo). Os relatores serán Jesús Núñez, codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria, e Raquel Martí, directora do Comité español da UNRWA.

Mostra ‘O ano de 1993’ de Saramago en Filoloxía

Deseños de Graça Morais sobre ‘O ano de 1993’ USC

Na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago pode visitarse a mostra conmemorativa do centenario no nacemento do premio Nobel portugués, José Saramago, titulada como unha das súas obras, ‘O ano de 1993’. Trátase da exposición, en grande formato, de 9 dos 10 deseños realizados pola pintora Graça Morais para a segunda edición da obra. A mostra, situada no segundo andar da Facultade de Filoloxía (Campus Norte, avenida Castelao, s/n) pode visitarse até o vindeiro 27 de xaneiro.

Formación en liña para maiores de 60

Dende hoxe as persoas maiores de 60 anos poden participar dos cursos en liña que ofrece Afundación, a través do seu programa ‘+60 online’ que se desenvolverán até o mes de abril. Estes cursos, pensados para as persoas que non poidan acudir ás sedes de Afundación (por distancia, falta de tempo ou problemas de mobilidade) consta de 19 actividades divididas en catro ámbitos formativos: benestar, cultura dixital, historia e arte e creatividade.

Adolescencia e consumo dixital nos Luns do Ateneo

O abuso no emprego das ‘pantallas’ pode afectar a saúde mental CC

Volven os ‘Luns do Ateneo’ (rúa do Vilar, 19) coa conferencia ‘O impacto das pantallas na adolescencia. Quen lle pón o cascabel ao gato?’, impartida polo doutor en Psicoloxía social Antonio Rial Boubeta. A partir das 19.30 horas o profesor da Universidade de Santiago abordará os efectos que trae consigo a sobreexposición a dispositivos electrónicos, que se converteron nos últimos anos en esenciais non só no ámbito educativo -con críticas de familias e profesorado ao proxecto E-Dixgal- senón tamén no entretemento e na comunicación dos adolescentes (RR.SS., videoxogos online, mensaxería...). O profesor abordará como esta exposición ás pantallas pode estar afectando a capacidade de atención, o rendemento académico ou a saúde mental dos e das adolescentes.