Contacontos con Avelino González no Centro Sociocultural do Eixo

PROGRAMACIÓN DE NADAL. Actor, contador, monologuista, tradutor... Avelino González é o que faga falta. Empezou nisto por casualidade e agora gústalle incluso picar entradas. Así presenta o programa de Nadal do Concello de Santiago a actuación de Avelino González, esta tarde ás 18.00 horas no Centro Sociocultural do Eixo. Ao longo da xornada haberá diferentes talleres nos CSC da cidade. No de Vite as 18.45 haberá unha visita de Paxe de Nadal.

O director do Cesga, pecha Os Luns do Ateneo

O director do Cesga, Lois Orosa Cedida

DIVULGACIÓN. O Ateneo de Santiago pechará os actos do seu ciclo Os Luns do Ateneo deste ano 2023 cunha conferencia do Director do Centro de Supercomputación de Galicia, Lois Orosa, titulada «CESGA, unha infraestrutura na vangarda da computación europea». O acto, que terá lugar ás 19.30h. na rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, estará introducido por Juan José Casares Long, o primeiro director que tivo a entidade tras a súa inauguración en 1993. No transcurso do acto Lois Orosa explicará o funcionamento desta institución pertencente á Xunta de Galicia que ten como misión contribuír ao avance da ciencia e da tecnoloxía, promovendo a investigación e o desenvolvemento das tecnoloxías da información e as comunicacións como instrumento para o progreso socioeconómico sostible.

Mostra bibliográfica de El Hematocrítico

ÁNXEL CASAL. A Biblioteca Ánxel Casal rende homenaxe a Miguel López (1976-2023), máis coñecido como El Hematocrítico, foi mestre de Educación Infantil, autor de numerosos proxectos de humor na Internet, colaborador en distintos medios de televisión e autor de libros infantís inesquecibles entre os que se atopan Dona Problemas, Axente Riciños, Rapunzel con piollos... O centro conta cunha mostra bibliográfica na que se pode atopar parte da súa obra.

Martha Nussbaum, na Facultade de Filosofía

A filósofa Martha Nussbaum LOC

HONORIS CAUSA. A filósofa estadounidense Martha Nussbaum será investida esta mañá doutora honoris causa pola Universidade de Santiago. As 17.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía, Nussbaum participará nunha conversa co profesor José Francisco Meirinhos (Facultade de Letras, Universidade do Porto) e cinco profesores da USC, membros do PAIX de Humanidades: Xavier de Donato, Óscar Horta, Laura Lojo, Pedro López Barja e Jesús Ángel Sánchez García.