Charla con Sergio Marey no Auditorio de Galicia

ARTISTAS NOVEIS. A sala de exposicións Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia acolle ás 19 horas a terceira das conversas entre creadores e público derivadas da XIII edición do premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis. A quenda deste mércores, última das programas, é para o gañador do primeiro premio, Sergio Marey. O artista conversará con aquelas persoas que se acheguen ao evento, de balde até completar a capacidade da sala, para explicarlle a súa traxectoria creadora e o traballo que derivou na peza ‘Cruceiro de Santa Librada e demais martires disidentes’, a obra vencedora. Unha peza que alerta sobre os crimes LGBTIQ fóbicos e as violencias contra o colectivo. Unha temática que Marey, persoa non binaria, decidiu representar con forma de cruceiro para lembrar as vítimas.

Descubrindo as bailarinas antifascistas na biblioteca Ánxel Casal

Evelyn Hutchins (Washington, EUA) foi brigadista voluntaria a prol da II República na Guerra Civil española X (Twitter)

CICLO DE LECTURAS. As coreógrafas Branca Novoneyra e Isabel Cuestan guían este ciclo ‘Lecturas que danza’ que se desenvolven na Biblioteca Pública Ánxel Casal (avenida Xoán XXIII). As 19 horas, no salón de actos, descóbrennos a sete bailarinas que se posicionaron co bando republicano na Guerra Civil. Isadora Duncan, Antonia Mercé, Juanita Montenegro, Helen Tamiris, Peral Primus, Carmen Amaya e Evelyn Tuchins son as protagonistas.

Jam session, a música volve ao Modus esta noite

CONCERTOS. O pub Modus Vivendi (praza de Feixóo, 1) acolle esta noite ás 21 horas o concerto Daydream Sessions, un evento jam que se ofrece en base a billeteira inversa, o que significa que as persoas asistentes gozan do concerto e unha vez finalizado deciden con canto diñeiro quere contribuír. O Modus retoma a súa programación en febreiro con concertos os martes, mércores, xoves e vernes, entre o 15 e o 29 deste mes. 

‘Bo traballo’, de Claire Denis, no Cineclube

Fotograma de ‘Bo traballo’, de Claire Denis Cineteca

CINEMA. Volve o ciclo ‘Pura paixón’ ao Centro Social O Pichel (Santa Clara, 21) da man do Cineclube de Compostela. Ás 21.30 horas comezará a proxección do filme da directora Claire Denis Bo traballo (Beau travail), filme francés do ano 2000 no que a cineasta presenta “un cautivador ballet masculino que trascende as ideas convencionais do homoerotismo”. A historia sucede nunha base militar do golfo de Xibutí, onde un pelotón da lexión estranxeira francesa arranxa estradas e adestra para a guerra.