O programa Traes unha cantiga? achégase o próximo mércores (TVG, ás 22.00 horas) ata A Coruña na persecución de seu obxectivo de atopar os cantos de taberna máis populares de Galicia. o seu percorrido pola xeografía galega en busca dos cantos de taberna máis populares do país. Será a novena parada dun percorrido que o espectador fai da man de Noelia Rey, presentadora deste espazo realizado por Producións Celta.

O xurado de expertos, que integran a cantante Sheila Patricia e o musico Alfredo Dourado, membro de A Roda, contará esta semana coa axuda de Paco Lodeiro, figura habitual nos concursos da TVG e asiduo participante nos cantos de taberna da Coruña.

Tres agrupacións herculinas –Os Pantoxos, Maghúa e A Rexouba– interpretarán as súas propostas no programa, que terá como escenario a moderna taberna Fire Capitano, emprazada no barrio de Matogrande. Entre elas, o xurado tomará unha decisión que levará a incluir unha das cantigas entre as máis populares do repertorio tradicional de Galicia.

Os Pantoxos é un grupo familiar que xurdiu hai uns 8 anos formado por avós, pais, tíos, netos e algúns achegados. O seu nome fai referencia á coñecida cantante Isabel Pantoja. A nai de Paula acompañábaa ás actuacións de baile tradicional para levar toda a roupa e axudarlle a vestirse, entón comezaron a chamarlle a nai da Pantoja e de aí foi evolucionando ata o nome do grupo. O grupo está integrado por 13 compoñentes con gaita, bombo, tamboril, pandeiretas, cunchas e acordeón, e a cantiga elixida é O sancristán de Coímbra, unha cantiga popularizada pola fadista María do Ceo.

A segunda agrupación participante, Maghúa, naceu no 2006, formado por un conxunto de amigos que compartían o gusto pola música e o baile tradicional galego. Son un grupo formado integramente por homes e reivindican a voz masculina para o canto tradicional galego, lonxe de posicións machistas. O seu repertorio está conformado por pezas que xorden das recollidas que fan por toda a xeografía galega. Teñen dous discos editados e están preparando o terceiro. O grupo está integrado por 7 homes e só utilizan percusión tradicional. A cantiga elixida é Pasodobre da Illa de Ons, peza recollida en Ons polo musicólogo Guillerme Ignacio Costa ás cantareiras Benedicta Patiño, Irene Patiño e María do Caño.

Pola súa banda, A Rexouba naceu hai 16 anos no barrio da Sagrada Familia a raíz das clases de música tradicional que impartía o mestre Ricardo García. Os distintos alumnos foron evolucionando nas súas aprendizaxes e decidiron formar un grupo. No 2017, ese mestre marchou e continuou o que está na actualidade, Ismael García. Conforman o grupo 12 persoas con gaitas, acordeón, percusión tradicional. A cantiga elixida é Ai Carmiña, composta por Ricardo Seixo, mestre xubilado, compositor musical e estudoso da música tradicional galega.