Síguenos en redes sociales:

Volverá Ferrovial se goberna Feijóo?

NOS PRIMEIROS DÍAS do mes de marzo Ferrovial anunciou o traslado do seu domicilio social dende España aos Países Baixos, tras a proposta do seu consello de administración dunha fusión entre a matriz e Ferrovial Internacional.

No documento do proxecto de fusión que a compañía enviou á Comisión Nacional do Mercado de Valores –CNMV– constan catro razóns para o cambio de sede, a saber: a mellora das condicións de financiamento, ao contar os Países Baixos con “solidez financeira e estabilidade”, algo que dota de “menor volatilidade os seus custos de financiamento debido a unha prima de risco mais estable” que a de outros países europeos; maior proxección internacional e notoriedade, de xeito que os Países Baixos servirán de “plataforma para cotizar nos Estados Unidos”, un dos seus principais mercados, ademais de poder atopar alí un “marco xurídico estable” e, a maiores, unha menor tributación.

A priori, calquera destas xustificacións entran dentro da lóxica ordinaria dunha empresa privada que opera nunha economía de mercado, mais de xeito implícito o comunicado á CNMV recolle unha serie de sutís afirmacións que, canto menos, non parecen corresponderse coa realidade dunha empresa que tivo e ten como principal fonte de ingresos a contratación pública neste país.

Non hai precedente recente de mensaxes públicas cruzadas entre unha empresa e o goberno español. Non é de recibo que, aínda que despois se negou, a empresa poña en dubida a seguridade xurídica de España, que non semella existir cando de concesionar se trata, tampouco o é que o presidente do goberno, Pedro Sánchez, critique nominalmente ao presidente executivo desa empresa, Rafael del Pino. Novidade tamén é a comunicación epistolar pública que mantén o secretario de Estado de Economía –Gonzalo García Andrés, número dous de Nadia Calviño, vicepresidenta económica– co conselleiro delegado da construtora e concesionaria na que “co fin de poder informar axeitadamente” á Xunta Xeral de accionistas que mañá xoves debe tomar a decisión final sobre as distintas opcións que ten a empresa, advirta das posibles continxencias ás que se enfronta Ferrovial. As razóns económicas deben ser a chave para convencer a ese mínimo de accionistas que superen o 2.5% do capital para facerlle ver que as supostas vantaxes non son tal e cómpre cancelar a operación. Non será doado.

Constátase, en todo caso, un barro interesado no camiño provocado polos podengos, que diría Ortega. Que non se vista do que non é a decisión, ou estaría disposta a empresa a regresar a España si se producise un cambio de goberno?

Pulsa para ver más contenido para ti